A Xuntanza de Pepes e Pepas de Foz bate récord de participación na súa undécima edición

Foz
AMariñaXa
A cita reuniu a 52 persoas nun encontro marcado pola convivencia, os agasallos e a música
2026-XI-XUNTANZA-DE-PEPES-E-PEPAS-EN-FOZ-(2)
23 Mar 2026

A Xuntanza de Pepes e Pepas de Foz acadou este ano a súa maior cifra de participación desde a súa creación, ao reunir a 52 persoas na undécima edición celebrada a pasada fin de semana. O encontro, que xa se consolidou como unha das citas máis singulares e entrañables do calendario local, estivo organizado nesta ocasión por María José Fega e María José Villarino.

A celebración desenvolveuse nun ambiente festivo no restaurante Xoíña, onde as persoas asistentes puideron compartir unha comida de confraternidade que serviu como eixo central da xornada. Ademais do encontro gastronómico, o evento contou con música e cunha ampla variedade de agasallos cedidos por establecementos comerciais da zona, o que contribuíu a reforzar o carácter participativo e comunitario da cita.

Esta xuntanza, nacida por iniciativa de José Ramón Vila, mantén como principal obxectivo reunir a persoas que comparten nomes como José, Josefa, Pepe ou Pepita, aínda que ao longo dos anos foi abrindo as súas portas tamén a participantes doutras localidades da comarca da Mariña, consolidándose como un evento de convivencia máis aló do ámbito estritamente local.

Un dos elementos que caracteriza esta celebración é o seu carácter itinerante, xa que en cada edición escóllese un establecemento hostaleiro distinto de Foz como escenario do encontro, contribuíndo así a dinamizar tamén o sector da hostalaría do municipio.

De cara ao vindeiro ano, a organización da duodécima edición xa ten relevo, que correrá a cargo de José Luis Rivas e José Pin, encargados de dar continuidade a unha tradición que segue medrando en participación e implicación.

A Xuntanza de Pepes e Pepas reafírmase así como un evento que combina tradición, convivencia e dinamización social, consolidando a súa presenza no calendario festivo de Foz e da contorna.

0.12734508514404