A Xunta sortea dúas novas vivendas rehabilitadas en Mondoñedo
A Xunta de Galicia sorteou as dúas vivendas unifamiliares resultantes da recuperación dun edificio no barrio dos Muíños de Mondoñedo. Trátase dun sorteo entre os respectivos adxudicatarios, que serve para asignar a cada un deles a vivenda concreta que lle corresponde.
O delegado territorial da Administración galega, Javier Arias, explicou que se trata de dúas vivendas de promoción pública situadas nos números 26 e 28 da praza, que o Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) oferta en réxime de alugueiro tras destinar preto de 400.000 euros ás obras de rehabilitación.
Arias visitou os inmobles xunto cos seus adxudicatarios e destacou que este tipo de actuacións “responden ao dobre obxectivo da Xunta de facilitarlle á cidadanía o acceso á vivenda e ao mesmo tempo dinamizar as vilas e cidades coa rehabilitación de edificios en zonas emblemáticas, como este barrio mindoniense, ao que proximamente se sumarán novos veciños e veciñas”.
As vivendas teñen 102 e 108 metros cadrados, respectivamente, e dispoñen de tres dormitorios cada unha. As obras supuxeron a rehabilitación integral do inmoble, respectando a singularidade da fachada, construída en recebado de cal sobre pedra e formigón. Entre as características do proxecto destacan tamén as fiestras exteriores de madeira de castaño ou pino, pavimentos interiores de baldosa de gres e tarima de madeira de carballo e cuberta de lousa con cravos de aceiro.
Arias lembrou que todas as persoas interesadas en optar aos pisos de promoción pública que xestiona a Xunta deben anotarse no Rexistro Único de Demandantes de Vivenda de Galicia. O prazo está aberto todo o ano e a inscrición pode facerte de xeito telemático ou presencial.