A Xunta rexeita o rexistro obrigatorio dos galiñeiros de autoconsumo

RibeiraSacraXa | TerraChaXa | LugoXa | SarriaXa | AMariñaXa
A partir deste sábado 24 de xuño quedarán prohibidas as queimas de restos agrícolas e forestais realizadas por particulares en Galicia.
25 Mar 2024

O conselleiro do Medio Rural en funcións, José González, participou  por videoconferencia no Consello Consultivo de Política Agrícola para Asuntos Comunitarios, presidido polo ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas. Nesta reunión, a Xunta volveu trasladar ao Ministerio o seu rexeitamento ao rexistro obrigatorio dos galiñeiros de autoconsumo, imposto pola normativa estatal. Así, o conselleiro do Medio Rural en funcións sinalou que para o Goberno galego esta obriga forma parte dun proceso estéril e que non redunda en ningún tipo de beneficio para a poboación.

Por iso, indicou González, a Xunta está traballando da man dos propietarios dos galiñeiros e das tendas de venda de aves para minimizar no posible as trabas que provoca este trámite -facilitando a compra dos animais mostrando o DNI do titular- e reclama, ao tempo, que o MAPA dea marcha atrás nesta cuestión, xa que -subliñou- o rexistro carece de xustificación e que se abra a modificar o Real Decreto que regula esta materia. Neste mesmo sentido, o conselleiro advertiu que con esta medida se están “matando moscas a canonazos” e, para reforzar esta argumentación, avanzou que na actualidade xa son máis de 52.000 os galiñeiros de autoconsumo rexistrados en Galicia, remarcando ademais que non se poden equiparar estas pequenas explotacións -que son moi numerosas en Galicia- coas profesionais.

Nesta liña, José González lembrou tamén que a Xunta presentou ata 40 alegacións a este texto legal ao longo da súa tramitación, insistindo en que deixara fóra de aplicación ás explotacións avícolas de autoconsumo. A Xunta considera que esta medida é completamente errónea e que os únicos requisitos esixibles para os donos dos galiñeiros deberían ser os relacionados coas condicións mínimas hixiénico-sanitarias e de benestar animal, así como permitir os controis oficiais e estar suxeitos ao réxime sancionador, no seu caso.

Modificación do Pepac 2023-2027

Neste contexto, José González definiu esta obriga legal de ter que rexistrar os galiñeiros de autoconsumo como un exemplo de burocracia innecesaria que enlaza coas necesidade de atender ás particularidades do territorio, no marco das demandas de Galicia arredor da PAC. Así, a Xunta ve insuficiente a proposta de modificación do Plan Estratéxico da PAC (Pepac) 2023-2027 remitida o venres pasado polo Goberno ás comunidades autónomas. Este documento “non se axusta ás nosas necesidades”, tal e como trasladou esta tarde o conselleiro do Medio Rural en funcións no seo do devandito Consello Consultivo.

González volveu reclamar ao ministro Planas “unha maior amplitude de miras e ambición” na modificación, tal e como insistiu Galicia nas reunións técnicas celebradas nas últimos días. Neste contexto, o conselleiro insistiu en demandar unha maior flexibilidade na aplicación da PAC, tal e como seguen esixindo tamén agricultores e gandeiros “e así se puido ver de novo esta pasada fin de semana en Madrid”, aseverou. Na mesma liña, José González recordou o traballo que se vén mantendo coas organizacións profesionais agrarias e coas comunidades da Cornixa cantábrica para reclamar a adaptación do Plan Estratéxico da PAC (Pepac) á realidade do territorio galego en particular e da España húmida en xeral.

En relación con estas políticas, González valorou que a Unión Europea estea dando pasos cara esa flexibilización da PAC “na liña do que Galicia vén demandando dende hai tempo” pero advertiu que “seguimos vendo eivas importantes” no referido á alixerar todo o posible a carga burocrática que soportan as explotacións agrogandeiras, ademais de cuestións referidas aos ecorrexímenes e a condicionalidade reforzada. En todo caso, a Xunta considera que, cos pasos dados pola Comisión Europea, malia que insuficientes, Bruxelas está mantendo unha postura máis ambiciosa, no sentido da súa dispoñibilidade para flexibilizar a PAC, que o propio MAPA, grazas, precisamente á presión negociadora das comunidades autónomas, e así llo fixo saber o conselleiro ao ministro.

Sector do viño

Por outra banda, en relación co viño, o conselleiro advertiu que en Galicia o uso de fondos do Programa de Apoyo al Sector Vitivinícola Español (Pasve) para as medidas de colleita en verde ou destilación de crise ten un impacto moi reducido. Por iso, solicitou unha compensación a través dunha maior asignación de fondos para a reestruturación de viñedos e para investimentos en adegas, co obxectivo de que non queden proxectos viables sen asignación de subvención.

0.075364828109741