A Xunta renovará o peche do Gregorio Sanz cun investimento de 326.000 euros

O Colexio Gregorio Sanz de Ribadeo contará cun novo peche perimetral grazas ao investimento de 326.000 euros anunciado pola Xunta de Galicia. Así o confirmou o alcalde do municipio, Dani Vega, quen subliñou que a actuación, xa en fase de licitación, responde a unha “demanda urxente e moi necesaria” tanto da dirección do centro como das familias do alumnado.
Vega explicou que “o actual peche está moi deteriorado, levaba anos con problemas serios e había que tomar unha decisión”. O rexedor considera que esta é unha “xestión acertada” pola situación de inseguridade que se viña producindo en determinados puntos da cerca, onde o Concello tivo que realizar reforzos provisionais nos últimos tempos para evitar riscos.
“É certo que hai moitas necesidades, pero temos que priorizar. Non podemos permitir que a falta de traballo e de planificación acabe afectando aos nenos e nenas do noso colexio”, indicou Vega, que agradeceu o labor conxunto desenvolvido desde o propio Concello, a dirección do centro, o profesorado, a ANPA e as familias. “Todos empuxamos para lograr que esta renovación sexa hoxe unha realidade”, afirmou.
O alcalde lembrou tamén outras actuacións recentes realizadas no Gregorio Sanz, como a reforma integral das instalacións, e avanzou que nos vindeiros meses seguirán traballando noutras melloras, entre elas a reparación dunha cuberta e a rehabilitación da vivenda do conserxe. “Pouco a pouco, con boa xestión e con investimentos, estamos conseguindo avanzar na modernización das infraestruturas educativas de Ribadeo”, concluíu.