A Xunta reforza os apoios aos serradoiros galegos cunha nova orde de axudas dotada con 4,4 millóns de euros

AMariñaXa
A medida beneficiará empresas que non poden acceder aos fondos europeos, como Hijos de Ramón Rubal, histórico serradoiro da Mariña con proxección internacional
ramon-rubal-madeira-aserradoiro
23 Jul 2025

A Xunta de Galicia acaba de ampliar ata os 4,4 millóns de euros o orzamento da orde de axudas dirixida aos serradoiros da comunidade, co obxectivo de dar resposta ás empresas que, por diversas limitacións, non poden acollerse ás subvencións europeas do Plan Estratéxico da PAC (PEPAC). Así o anunciou o director da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), Alfredo Fernández Ríos, durante unha visita ás instalacións da empresa Hijos de Ramón Rubal, en A Mariña, un serradoiro con case nove décadas de traxectoria e presenza comercial en máis dunha ducia de países.

Este serradoiro familiar, que exporta madeira a destinos como Francia, Portugal, China, Vietnam, Cuba, República Dominicana ou Marrocos, non pode beneficiarse das axudas europeas debido a que supera os 20.000 m³ de capacidade máxima de transformación. Para dar resposta a este tipo de empresas, a Xunta adaptou os criterios da nova orde de axudas enfocada á valorización dos produtos da madeira.

“A nova liña de apoios responde a unha das principais peticións do sector”, explicou Fernández Ríos, quen destacou tamén que estas subvencións cobren investimentos orientados á mellora dos procesos produtivos, á dixitalización, á segunda transformación ou ao contract. Tamén se inclúen axudas para dotarse de sistemas de tratamento térmico da madeira, unha esixencia normativa para combater o nematodo do piñeiro.

O director da Xera sinalou que os importes máximos das axudas oscilan entre os 60.000 e os 250.000 euros, e que o prazo para solicitar estas subvencións permanecerá aberto ata o vindeiro 1 de agosto. Con esta iniciativa, a Xunta reafirma o seu compromiso coa industria forestal galega e co fortalecemento dun sector estratéxico tanto a nivel económico como territorial.

⚙ Configurar cookies
0.27132105827332