A Xunta reforza o apoio ao sector pesqueiro da Mariña con novos investimentos en Celeiro e Burela

A conselleira do Mar, Marta Villaverde, desenvolveu unha completa axenda de traballo na Mariña lucense, co obxectivo de reforzar a colaboración da Xunta co sector marítimo-pesqueiro e avanzar en medidas que melloren a súa competitividade, sostibilidade e capacidade de comercialización.
Durante a súa visita ao porto de Celeiro, Villaverde confirmou que este ano se completará o equipamento da nave destinada á preparación e envasado de produtos pesqueiros, cuxas obras de mellora e acondicionamento remataron a finais de 2024. Esta intervención forma parte dun proxecto global de modernización dotado con máis de 1,1 millóns de euros, cofinanciado polo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA), que inclúe tamén a remodelación de aseos, vestiarios, paredes e a redistribución de espazos. O obxectivo é optimizar unhas instalacións únicas na contorna e facilitar o traballo diario do sector.
A xornada comezou en Burela, onde a conselleira mantivo encontros coa confraría de pescadores, a OPP-7 e a empresa Armadores de Burela S.A. (ABSA). Co pósito, repasou as axudas FEMPA concedidas desde 2023, que superan os 3,2 millóns de euros e que permitiron, entre outras actuacións, renovar a nave de redeiras. Tamén destacou a autorización para a xestión da nave de arrastre e a concesión de uso da sede por 50 anos con bonificación do 90 %.
As conversas coa OPP e ABSA centraron o foco nos retos pendentes: a necesaria reforma da Política Pesqueira Común para adaptarse ás realidades do sector, a defensa ante a sentenza do Tribunal de Xustiza Europeo sobre as 87 vedas, o impulso do relevo xeracional, a formación, novas alianzas para optimizar plans de produción e a mellora da competitividade da lonxa.
En 2024, a rula de Burela poxou 11,6 millóns de quilos de peixe, cun volume de negocio superior aos 58 millóns de euros, situándose como a cuarta de Galicia en movemento produtivo e económico, só por detrás de Vigo, A Coruña e Ribeira. A flota de ABSA, formada por 47 barcos de diferentes censos, representa o 54% da actividade, mentres que na lonxa operaron 281 buques procedentes de 62 portos distintos.