A Xunta reforza as medidas de prevención fronte á influenza aviaria en 40 concellos galegos

A Consellería do Medio Rural informou das medidas de prevención adoptadas polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, en coordinación coas comunidades autónomas, ante o incremento da influenza aviaria e como reforzo para protexer as explotacións avícolas galegas. Estas normas entrarán en vigor o vindeiro luns, 10 de novembro.
A partir desa data aplicaranse medidas específicas nas denominadas Zonas de Especial Risco (ZER) e Zonas de Especial Vixilancia (ZEV) de Galicia, definidas pola Orde APA/2442/2006 do Ministerio.
Entre as principais restricións inclúese a prohibición de criar aves ao aire libre, agás cando existan medidas de bioseguridade que impidan o contacto coas aves silvestres; a prohibición de criar xuntas patos e gansos con outras especies e o uso de aves acuáticas como reclamos na caza.
Tamén queda prohibido empregar auga de depósitos accesibles a aves silvestres sen tratamento previo, e refórzanse as medidas para protexer os depósitos exteriores. Ademais, non se permitirán feiras, mercados, mostras ou concentracións de aves, salvo autorización expresa da autoridade competente tras unha avaliación de risco.
Estas medidas, que xa rexían para os 11 concellos catalogados como ZER, amplíanse agora ás ZEV. As zonas de especial risco (ZER) son: A Illa de Arousa, Cambados, O Grove, Meaño, Ribadumia, Sanxenxo e Vilanova de Arousa (Pontevedra); Xove (Lugo); e Cerceda, Ordes e Tordoia (A Coruña).
As zonas de especial vixilancia (ZEV) abranguen Cariño, Dumbría, Mazaricos, Ortigueira, Porto do Son, Rianxo, Ribeira, Vimianzo e Zas (A Coruña); Ribadeo e Trabada (Lugo); Porqueira, Rairiz de Veiga, Sandiás, Vilar de Santos e Xinzo de Limia (Ourense); e A Guarda, Marín, Meis, Moaña, Poio, Pontevedra, Redondela, O Rosal, Soutomaior, Tomiño, Tui, Vilaboa e Vilagarcía de Arousa (Pontevedra).
Segundo a Xunta, o incremento de medidas responde ao aumento de focos de Influenza Aviar de Alta Patoxenicidade (H5N1) detectados nas últimas semanas. Desde o 1 de xullo ata o 5 de novembro, en España rexistráronse 14 focos en aves de curral, 68 en aves silvestres e 5 en aves cativas. En Galicia notificáronse 9 focos, todos en aves silvestres.
O departamento autonómico insiste en reforzar a bioseguridade nas explotacións, especialmente evitando o contacto con aves silvestres, e en comunicar calquera sospeita aos Servizos Veterinarios Oficiais. No caso de aves silvestres enfermas ou mortas, recoméndase non manipularlas e dar aviso aos servizos veterinarios ou ao teléfono 012.