A Xunta reforza a eficiencia enerxética do CEIP da Pontenova cun novo investimento de 50.000 euros

O CEIP da Pontenova continúa co seu proceso de mellora grazas a unha nova intervención financiada pola Xunta de Galicia, que destina preto de 50.000 euros a optimizar a eficiencia enerxética e o confort das súas instalacións. Así o confirmou o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, durante a súa visita ao centro, onde supervisou o avance dos traballos que se están a realizar aproveitando o período estival.
As obras, que está previsto rematar nos próximos días, inclúen a instalación dunha malla metálica ancorada ás viguetas, a colocación dun falso teito desmontable con paneis acústicos e a montaxe de iluminación tipo LED, ademais do pintado do falso teito de pladur. A intervención complétase coa renovación do alumeado de emerxencia, a substitución de enchufes e a reposición de azulexos na cociña escolar.
Arias destacou que estas actuacións responden a unha demanda trasladada pola dirección do propio centro á Consellería de Educación, e que están deseñadas para minimizar o consumo enerxético e mellorar o confort das aulas. O delegado territorial insistiu tamén na responsabilidade do Concello no mantemento ordinario do colexio, mentres a Xunta continuará asumindo as obras de maior envergadura.
A actuación súmase ás melloras acometidas en anos anteriores, ás que o Goberno galego destinou preto de 70.000 euros, con intervencións como o arranxo do patio e o cambio de ventás, seguindo a mesma liña de actuación centrada na eficiencia enerxética.
Ademais, Arias lembrou a reestruturación prevista no segundo ciclo de Educación Infantil de cara ao próximo curso, con agrupamentos entre distintos niveis que respectarán tanto as ratios como o calendario establecido.
No ámbito sanitario, o representante da Xunta visitou tamén o centro de saúde da Pontenova, onde confirmou que a atención médica estará plenamente garantida no mes de agosto, grazas ao reforzo da planificación do Sergas e á incorporación dun novo médico, prevista para os próximos días. Arias agradeceu o esforzo dos profesionais sanitarios, alertando da “falta xeneralizada de médicos en toda España” e reclamando solucións ao Goberno central.