A Xunta reclama a Alcoa transparencia e concreción e "que cumpra cos seus compromisos"
A conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, reclamou a Alcoa que aclare cal é o seu plan de negocio para a planta de San Cibrao e que concrete os apoios que precisa por parte da Administración porque, dixo, a prioridade ten que ser o mantemento do emprego.
Logo de manter unha xuntanza co comité de empresa, á que asistiron, tamén, os alcaldes dos concellos afectados, Lorenzana esixiu á multinacional transparencia e concreción e que cumpra cos seus compromisos, porque son un milleiro de postos de traballo os que están vinculados á factoría, ademais dos empregos indirectos, e iso hai que poñelo por diante, remarcou.
A titular de Economía, Industria e Innovación subliñou que a Xunta de Galicia, con todos os mecanismos legais de que dispón, vai dar todo o apoio que faga falta para ver xuridicamente se a empresa está cumprindo ou non o acordo adoptado e os pasos que haxa que dar. Igualmente, tamén ofreceu o acompañamento empresarial do Igape, pero incidiu en que a Administración autonómica non o pode facer soa.
Nese sentido, volver insistir en que todas as institucións teñen que estar aliñadas coa defensa do emprego en Alcoa e en que ten que haber colaboración entre os dous gobernos, o central e o autonómico, e “coordinación dentro do propio Goberno de España entre os departamentos implicados directamente nesta problemática”. E, ao fío, apuntou que volverá a solicitar ao Ministerio de Transición Ecolóxica a súa participación e compromiso na busca dunha solución para Alcoa.
Ao respecto referiuse á reunión da Mesa de seguimento solicitada pola Xunta que se vai celebrar o vindeiro venres onde adiantou que a Administración autonómica vai volver reclamar medidas específicas para abaratar os custos enerxéticos ás empresas electrointensivas.