A Xunta reclama a Alcoa completar os requirimentos para autorizar o recrecido da balsa de lodos
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, instou a Alcoa a completar os requirimentos solicitados pola Xunta de Galicia para poder autorizar o recrecido da balsa de lodos vermellos, un elemento crucial para a continuidade da actividade da planta de San Cibrao. Así o manifestou tras reunirse con representantes do comité de empresa da factoría.
Lorenzana subliñou que a autorización do recrecido depende agora da empresa, que debe completar o proceso seguindo todos os trámites ambientais. "Alcoa ten que ser seria con este expediente e demostrar a súa vontade de seguir traballando en Galicia", sinalou a conselleira, quen destacou a importancia deste paso para garantir o futuro da planta.
Outro dos aspectos claves que abordou foi a cuestión enerxética, xa que todos os parques eólicos que subministran enerxía á factoría, e que son competencia da Xunta, están autorizados, salvo un que conta xa coa declaración de impacto ambiental. Neste sentido, Lorenzana instou ao Goberno central, en especial á ministra de Transición Ecolóxica, Teresa Ribera, a cumprir co compromiso de restaurar os permisos de acceso e conexión para os parques afectados, xa que, segundo a conselleira, a situación aínda non foi resolta.
A titular de Economía tamén volveu reclamar a modificación do Estatuto dos Consumidores Electrointensivos, co obxectivo de facilitar a continuidade da actividade da empresa ou dun posible comprador. Lorenzana reafirmou o apoio da Xunta á empresa e ás miles de familias que dependen dela, comprometéndose a participar en calquera reunión que sexa convocada para avanzar na resolución desta situación.