A Xunta recibe de Costas os terreos necesarios para levantar o dique do porto de Morás

A Xunta de Galicia vén de dar un paso decisivo para a posta en marcha da ampliación do porto de Morás, en Xove, coa sinatura da acta de adscrición dos terreos coa Demarcación de Costas do Estado. Grazas a este acordo, Portos de Galicia recibe oficialmente os terreos necesarios para levantar o novo dique de abrigo e a dársena, unha infraestrutura reclamada durante décadas polo sector mariñeiro da zona.
O trámite chega tras un ano de espera desde que Costas emitira o informe inicial e supón o desbloqueo dun proxecto cuxo estudo de alternativas data de 2006, mais que permanecía paralizado pola falta de transferencia da titularidade do solo á administración autonómica.
En paralelo á formalización da acta, Portos de Galicia xa redactou o proxecto construtivo, que contempla un dique de máis de 220 metros de lonxitude repartidos en dúas aliñacións. Ademais, a actuación prevé a instalación de pantaláns destinados tanto a embarcacións pesqueiras como de uso náutico-recreativo, xunto cunha zona de aparcadoiro para mellorar os servizos do recinto.
Deste xeito, a Xunta responde a unha vella demanda da comunidade portuaria e reforza o compromiso co desenvolvemento das infraestruturas marítimas en Xove e no conxunto da Mariña lucense.