A Xunta reafirma o seu apoio ao Burela FS ante a súa delicada situación económica

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, mantivo un encontro co presidente do Burela Fútbol Sala, José Luis Sáez, co obxectivo de reiterar o respaldo do Goberno galego ao club mariñao, que actualmente atravesa unha complicada situación económica.
Durante a reunión, celebrada nas oficinas da entidade deportiva, Arias puxo en valor o compromiso da Xunta co club, ao que apoia mediante un contrato de patrocinio da Axencia de Turismo de Galicia cunha achega de 30.000 euros. Un apoio que, segundo recoñeceu o propio presidente, “contribúe a dar estabilidade económica á entidade”.
Este patrocinio enmárcase na estratexia do Executivo autonómico de reforzar a vinculación entre o deporte de alto nivel e a promoción da imaxe turística de Galicia.
Ademais do apoio xa en marcha, Arias e Sáez abordaron outras posibles vías de colaboración co obxectivo de garantir a continuidade do proxecto deportivo do Burela FS, tanto na súa dimensión profesional como no seu papel dinamizador da comarca.
O delegado territorial destacou que o club “representa non só un exemplo de excelencia deportiva, senón tamén un motor de dinamización social e económica para A Mariña, e desde a Xunta apostamos por prestarlle o noso apoio para que poida seguir sendo un referente dentro e fóra de Galicia”.