A Xunta quere promover un servizo de transporte público urbano no Concello de Viveiro
A Xunta de Galicia ofrece ao Concello de Viveiro colaboración para implantar un servizo de transporte público urbano, segundo lle trasladou o delegado territorial de Lugo, Javier Arias, á alcaldesa, María Loureiro, nunha reunión cordial na que avanzaron nas posibles vías para facer realidade a iniciativa.
Na reunión, participaron tamén a tenente de alcaldesa, Miriam Bermúdez, e a portavoz do grupo municipal do PP, Mariña Gueimunde. O Concello enviará unha proposta que será analizada pola Dirección Xeral de Mobilidade.
Arias sinalou que “a Xunta quere impulsar a posta en marcha de liñas de autobús en concellos de tamaño medio, fomentando a mobilidade sostible e contribuíndo ao seu desenvolvemento económico e social”.
Pola súa parte, desde o Goberno local aseguraron que "tras a reunión, desde o Concello debemos presentar a documentación solicitada, cunha avaliación da modificación das rutas, os horarios, frecuencias e o estudo de viabilidade económica”, explica Míriam Bermúdez, unha documentación que se poñerá en común co servizo de Mobilidade da Xunta.
Ademais, Javier Arias reuniu na sede da Consellería do Mar en Celeiro á Comisión Territorial da Xunta en Lugo, un órgano de coordinación do que forman parte os directores territoriais dos distintos departamentos. Entre os asuntos que trataron figuran outras actuacións do Goberno galego en Viveiro, como a inminente adxudicación das obras de mellora da estrada LU-540, que darán comezo nas vindeiras semanas.
Nesta primeira fase arranxaranse os 15,6 quilómetros que discorren por este concello e por Ourol, cun investimento de 7,8 millóns de euros. Tamen se analizaron temas prioritarios competencia de Portos de Galicia en espazos portuarios. No mes de outubro está previsto que finalicen as obras de modernización da nave de preparación e envasado de produtos pesqueiros do porto de Celeiro, ás que se destinan 1,2 millóns de euros.
Ademais, a Consellería do Mar está investindo 650.000 euros na ampliación de 70 prazas de amarre. Nos últimos meses tamén se acometeu a mellora do sistema de saneamento de Celeiro, que xunto coa EDAR suma un investimento de 8 millóns de euros.