A Xunta prohibirá plantar patacas en Viveiro ata o 2022 según o BNG
O BNG de Viveiro ven de recibir un informe da Xunta de Galicia solicitado pola organización nacionalista, co fin de coñecer a evolución da praga da Couza Guatemalteca no seu termo municipal a raíz da preocupación amosada pola veciñanza ao enterarse pola prensa do levantamento da prohibición do cultivo da pataca nalgún dos concellos afectados por esta praga e, ao comprobar os nacionalistas, que segue habendo unha total falta de transparencia e información oficial ao respecto desta problemática en Viveiro. "Unha Información que", apunta a portavoz municipal do BNG Míriam Bermúdez: "segue sendo escasa, moi xenérica e pouco transparente a que nos trasladou o goberno de Feixóo."
Os escasos datos remitidos pola Consellería de Medio Rural ao BNG viveirense sobre a evolución da Couza Guatemalteca neste termo municipal, desde o 2017, confirman que no concello de Viveiro rexistráronse dúas capturas da couza guatemalteca no ano 2019, o que implica que a veciñanza deste concello seguirá sen poder cultivar patacas durante os próximos dous anos, cando menos, posto que a Xunta non levantará as restriccións deste cultivo en Viveiro, tal e como informou a Consellería os nacionalistas, mentras se detecte a presenza da couza nas zonas infectadas e entanto non se cumpra o artigo 15 do RD 197/2017, que estabelece que deben pasar un mínimo de "dous anos consecutivos" sen que se rexistren capturas para declarar o termo municipal libre desta praga.
O BNG de Viveiro critica a falta de eficacia na xestión da Xunta para loitar contra a praga da Couza Guatemalteca desde a súa aparición en Galiza, e lamenta que non fora capaz de adoptar ao longo dos últimos tres anos as medidas necesarias para eliminar esta praga no termo municipal de Viveiro e lograr así que a veciñanza, logo destes anos de prohibición, puidera volver a cultivar patacas neste 2020. "Por outra banda non se entende", denuncia Míriam Bermúdez, portavoz municipal d@s nacionalistas, "que nin a Xunta de Galiza nin o Concello de Viveiro realizaran xuntanzas informativas periódicas e de asesoramento coa veciñanza, para mantela informada sobre as medidas implatadas para eliminar a couza, o tipo e número de controis realizados, trampas instaladas, evolución do número de capturas e zonas onde foron atopadas as couzas, entre outras". Segundo a información que se nos trasladou desde Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, realizáronse tan só charlas informativas no 2017.
@s nacionalistas demandan do goberno autonómico do PP poña un maior interese e esforzo na eliminación desta praga, que tan importantes perdas está a ocasionar aos produtores da pataca e nas economías familiares, dotando ao Plan de Acción para a erradicación e control de Tecla Solanivora na C.A. de Galiza dos fondos orzamentarios suficientes para a implantación de máis medidas de control, máis traballo de campo e investigación e maior información e asesoramento á veciñanza.