O proxecto de mellora da estrada da Gañidoira farase público no verán

AMariñaXa
Someterán en verán a información pública o proxecto de mellora da estrada entre Viveiro e Cabreiros, cun investimento de 12 millóns de euros.
lu 540 cabreiros viveiro
9 May 2021

Acondicionarase o tramo entre os puntos quilométricos 5 e 39+500 para facilitar a mobilidade dos veciños de Viveiro, Xove ou O Vicedo cara a Lugo. O proxecto inclúe o redeseño de interseccións, a rectificación de curvas, a implantación de tramos de carrís de adiantamento e a renovación do firme.

A Xunta someterá en verán a información pública o proxecto de mellora da estrada entre Viveiro e Cabreiros, LU-540, que suporá un investimento de máis de 12 millóns de euros.

Así o avanzou hoxe no Parlamento o director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, que precisou que a redacción do proxecto de trazado xa está moi avanzada e se prevé comezar tamén en verán o proceso expropiatorio.

Explicou que o obxectivo destas obras é o acondicionamento do tramo entre os puntos quilométricos 5 e 39+500 para reforzar a seguridade viaria e a funcionalidade da vía.

Indicou que se trata dunha intervención para facilitar a mobilidade dos veciños de Viveiro e de concellos veciños como Xove ou O Vicedo, en condicións máis seguras e cómodas, xa que este treito é a principal vía empregada para desprazarse cara a Lugo.

Destacou que esta actuación contemplará o redeseño de interseccións, o encaixe de carrís lentos, as correccións de trazado, a ordenación de xiros á esquerda ou a revisión da sinalización horizontal e vertical, entre outras medidas a adoptar.

Manifestou que o proxecto tamén incluirá a rectificación de curvas e a implantación de novos tramos de carrís de adiantamento.

Ademais, no marco destes traballos, tamén se efectuará o acondicionamento da capa de rodadura coa renovación do firme.

O director da Axencia Galega de Infraestruturas sinalou que a Xunta incluíu a mellora desta estrada na solicitude feita ao Ministerio de Transportes para ser financiada con cargo aos fondos europeos de recuperación e resiliencia, se ben ata o de agora non se ten recibido resposta oficial ao respecto por parte do Goberno de España.

Francisco Menéndez lembrou que a Xunta vén traballando nos últimos anos na mellora desta estrada, pois en 2017 xa se actuou no firme para optimizar as súas condicións, tendo en conta a elevada intensidade de tráfico pesado que rexistra e a climatoloxía adversa.

Detallou que se actuou na LU-540 ao seu paso polos Concellos de Ourol, Muras, Xermade e Viveiro, completando as obras co repintado da sinalización horizontal.

Recordou que se instalaron guías sonoras laterais ao longo de 17 quilómetros, incluída a zona do alto da Gañidoira, como medida de seguridade para alertar aos condutores en caso de saída do carril, mellorando tamén a visibilidade.

Ademais, remarcou que en 2019 a Xunta executou unha actuación de mellora da sinalización e balizamento na intersección entre as estradas LU-540 e LU-161, á altura de Landrove para reforzar a seguridade.

Precisou que o obxectivo foi incrementar a percepción dos condutores do deseño do cruzamento e das manobras ou movementos que deben facer cos vehículos para dirixirse aos distintos destinos dende este punto.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.17732191085815