A Xunta premia a 45 concellos da Rede Praias sen Fume coa categoría de Ouro

LugoXa | TerraChaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa | ACoruñaXa
Medra en 22 o número de municipios coa máxima distinción por ter declaradas todas as súas praias libres de fume, mentres que 8 conseguiron a categoría prata ao contar con máis do 50%
premios-praias-sen-fume
18 Sep 2024

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, fixo entrega en Cabanas dos diplomas das categorías de ouro e de prata que anualmente outorga a Xunta de Galicia no marco da Rede Galega de Praias sen Fume.

Este ano, un total de 45 concellos acadaron a categoría de ouro ao ter declarados todos os seus areais libres de fume e deles 22 conseguiron por primeira vez este recoñecemento. Ademais, outros 8 municipios conseguiron facerse coa distinción de prata, ao contar con máis do 50% das súas praias sen fume.

En concreto, foron recoñecidos co diploma de ouro os concellos de: Cedeira, Cabanas, Corcubión, Laxe, Mañón, Noia, Oleiros, Ponteceso, Pontedeume, Rianxo, Valdoviño, Bergondo, Boiro, Cabana de Bergantiños, Dumbría, Malpica de Bergantiños, Muros, Barreiros, Cervo, Begonte, Castro de Rei, Chantada, Cospeito, Mondoñedo, Outeiro de Rei, O Saviñao, O Vicedo, Bande, Avión, Castro Caldelas, Vilariño de Conso, Beariz, Laza, A Veiga, Castrelo de Miño, Cerdedo-Cotobade, Lalín, A Guarda, Baiona, Ponteareas, Pontecaldelas, Redondela, Sanxenxo, Tui e Vilaboa.

Pola súa banda, acadaron a categoría de prata os areais dos concellos de Camariñas, Fene, Ortigueira, Viveiro, Cambados, Mondariz, Poio e Soutomaior.

Durante o acto, o titular da carteira sanitaria da Xunta, destacou o compromiso do Concello de Cabanas, participante neste programa desde 2017, que acadou a máxima categoría o ano pasado e volve repetir este ano. Este recoñecemento reflicte o esforzo continuado do municipio na protección da saúde pública e do medio ambiente.

Acompañado pola delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros; pola directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán; e polos rexedores dos municipios recoñecidos, Gómez Caamaño explicou que a Rede Galega de Praias sen Fume, é unha iniciativa pioneira creada pola Xunta no ano 2016 que actualmente conta cun total de 242 praias adheridas de 82 concellos.

A expansión desta rede, que permite limitar o consumo de tabaco en espazos naturais, converteuse nunha ferramenta eficaz para protexer a saúde da poboación galega e preservar os espazos naturais. Así, durante a cerimonia, destacouse o papel que estas medidas teñen, especialmente na desnormalización do consumo de tabaco entre os máis novos.

O responsable da Sanidade galega remarcou que “a creación de espazos sen fume non só protexe a saúde dos non fumadores, senón que tamén transmite unha mensaxe poderosa á mocidade: o normal é non fumar. Esta é unha das claves para previr o inicio do tabaquismo nas novas xeracións e para promover un modelo social máis saudable.

Os últimos datos do Sistema de Información de Consumo de Risco en Galicia (SICRI 2023) revelan que o 19% da poboación galega maior de 16 anos é fumadora, cunha prevalencia máis alta no grupo de 25 a 44 anos (25%). Ademais, o 25% da poboación está exposta ao fume do tabaco de forma diaria ou ocasional. Durante a súa intervención, o conselleiro incidiu na importancia que ten reducir estas cifras, sinalando que a expansión das redes de espazos libres de fume en Galicia é unha prioridade na loita contra o tabaquismo.

A iniciativa de Praias sen Fume ten, ademais, un impacto positivo sobre o medio ambiente. A eliminación do consumo de tabaco nas praias contribúe a manter limpos os espazos naturais, evitando que as cabichas –un dos residuos máis contaminantes e difíciles de degradar– acaben nos areais e nos ecosistemas mariños. Esta acción forma parte do compromiso de Galicia coa protección do seu patrimonio natural.

Rede galega de Portos e Parques sen fume

Xunto coas praias, Galicia conta xa coa Rede de Portos sen Fume (creada en 2018) e a Rede de Parques sen Fume (lanzada en 2022), que xa inclúe 43 parques de 43 concellos. Estas redes, que seguen a medrar, permiten levar a prohibición de fumar a outros espazos ao aire libre, cunha excelente aceptación por parte da cidadanía. Neste sentido e segundo as enquisas anuais, o 77% dos galegos valoran a iniciativa como “moi boa” ou “boa”, mentres que un 79% quere que a rede se amplíe a outros espazos públicos.

O conselleiro de Sanidade puxo en valor o éxito da colaboración entre institucións, concellos e a cidadanía para avanzar cara a un futuro sen fume. O obxectivo a longo prazo é consolidar esta cultura de espazos sen fume en toda Galicia, promovendo estilos de vida saudables e preservando o noso medio ambiente para as xeracións futuras.

O acto de hoxe en Cabanas é unha mostra máis do firme compromiso da Xunta coa saúde pública e a protección ambiental. Seguirán impulsándose iniciativas que amplíen a Rede Galega de Espazos sen Fume a outros ámbitos, garantindo que Galicia continúe sendo un referente na loita contra o tabaquismo e na creación de espazos limpos e seguros para todos.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.16504502296448