A Xunta pon en marcha doce quendas de campamentos en Area e A Devesa para este verán

A Xunta de Galicia ofrece este verán un total de doce quendas nos campamentos xuvenís de Area, en Viveiro, e A Devesa, en Ribadeo, dirixidas a nenos e nenas nacidos entre 2007 e 2014. Estas actividades teñen un marcado carácter náutico e mariño, xunto cunha ampla oferta lúdica, deportiva e cultural.
O director territorial da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, Manuel Antonio Fernández, realizou unha visita ás dúas instalacións no día en que se despide a primeira rolda de participantes. Na visita tamén estiveron presentes a alcaldesa de Viveiro, Mariña Gueimunde, e o alcalde de Ribadeo, Daniel Vega.
No albergue xuvenil de Area, a programación inclúe actividades como vela, windsurf, wakeboard, kaiac, snorkel, aula de natureza mariña, olimpíadas de terra e mar, vólei praia, cometas de tracción e paddle surf, ademais de excursións para complementar a experiencia.
Pola súa banda, en A Devesa, as actividades estenderanse ao longo das semanas e abarcan surf, bodyboard, escalada en rocódromo, slackline, tiro con arco, rastrexo, técnicas de vivac, xincanas, aula mariña e de natureza, olimpíada de xogos tradicionais, concurso de talentos, deportes alternativos e un roteiro a Rinlo, entre outras propostas.
Estas accións forman parte da campaña Modo Verán Activo da Xunta, que nesta edición ofrece en toda a provincia de Lugo case 2.500 prazas distribuídas en campamentos, minicampamentos, campos de voluntariado e outras iniciativas con carácter lúdico, cultural e deportivo dirixidas á mocidade galega.