A Xunta pon en marcha 153 Plans de Xestión de Recursos Específicos e Algas
A Xunta de Galicia anuncia que pon en marcha 153 Plans de Xestión de Recursos Específicos e Algas en Galicia para o trienio 2025-2027, que se distribúen do seguinte xeito: 148 destinados ás confrarías de pescadores ou entidades asociativas do sector que se dedican ao percebe, aos solénidos, equinodermos, peneira, algas, anemones e poliquetos; e 5 para a empresas especializadas na transformación e na comercialización das algas.
Así o adiantou o conselleiro do Mar, Alfonso Villares, durante a visita realizada ao Centro de Cultivos Mariños (CIMA) de Ribadeo, onde explicou que, por provincias, 78 corresponden á de A Coruña, 15 á de Lugo e 57 á de Pontevedra. A estes hai que engadir outros 3 que teñen autorizada a recollida nun ámbito supraprovincial.
Estes plans atenden distintos obxectivos. En primeiro lugar, biolóxicos, que están relacionados co uso sustentable e a longo prazo dos recursos específicos e das algas. Ecolóxicos, nos que destaca a participación das persoas mariscadoras en actividades relacionadas coa protección da biodiversidade e ecosistemas mariños. Así, destaca a participación do sector na recollida del lixo. O 69 % dos plans de xestión contemplan estas actividades, o que amosa o elevado grado de implicación do sector. Neste senso, estes instrumentos xestores tamén recollen actuacións de limpeza de algas ou elementos prexudiciais para o medio mariño que son necesarias para evitar efectos negativos nos recursos, e que, co Decreto 153/2019, poden realizarse todos os días do ano, requirindo só comunicación previa á administración.
E, en terceiro lugar, os obxectivos socioeconómicos, que están dirixidos á mellora dos ingresos e ao mantemento ou creación de emprego. Así, está prevista a incorporación de profesionais, o que contribuirá a consolidar os niveis de ocupación e a dinamizar a economía na costa galega.
Deste xeito, a previsión de incorporación de novos participantes para o ano 2025 é de 150 novos no marisqueo a pé, e de 38 embarcacións que pasarán a adquirir algunha das modalidades de recursos específicos no seu permiso de explotación así como se pode incrementar os participantes en 99 habilitacións. No marco do período 2022-2024 incorporáronse 80 na modalidade de a pé e 77 embarcacións adquiriron algunha das modalidades de recursos específicos no seu permiso de explotación.