A Xunta moderniza o porto deportivo de Viveiro cun investimento de máis de 215.000 euros

AMariñaXa
As actuacións incluíron a renovación do firme e a substitución de 54 luminarias por sistemas LED, co obxectivo de mellorar a seguridade viaria e reducir a contaminación ambiental
obras-2025-Porto-Viveiro-1
17 Sep 2025

A Consellería do Mar vén de completar os traballos de mellora do pavimento no porto deportivo de Viveiro e ultima a renovación do sistema de iluminación, unha actuación que supón un investimento global de 215.300 euros a través de Portos de Galicia.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, desprazouse hoxe ata a zona para comprobar de primeira man o resultado destas obras, enmarcadas no plan autonómico de acondicionamento das dársenas. Segundo explicou, o obxectivo é modernizar as instalacións e garantir un uso máis seguro e sostible dos espazos portuarios.

Na primeira fase da intervención, cun orzamento de 95.300 euros, repúxose a capa de rodaxe nos tramos deteriorados, reforzouse o firme da explanada portuaria e renovouse a sinalización horizontal. “Estas actuacións permiten mellorar a circulación e a seguridade tanto para usuarios como para visitantes”, sinalou Arias durante a visita.

En paralelo, a Xunta destinou 120.000 euros á modernización da iluminación, que se está a substituír por 54 puntos de luz con tecnoloxía LED e sistema de control remoto. Este novo equipamento permitirá un aforro enerxético estimado do 60% e contribuirá a reducir tanto a contaminación ambiental como a luminosa.

Os traballos forman parte dun proxecto global para mellorar 26 dársenas de titularidade autonómica, que na Mariña supoñen un investimento de máis de 260.000 euros nos portos de Viveiro, Ribadeo, Rinlo e Burela. “Falamos dunha aposta pola eficiencia e pola sustentabilidade que reforza tamén a imaxe dos portos como espazos modernos e competitivos”, subliñou Arias.

⚙ Configurar cookies
0.095855951309204