A Xunta mellorará a accesibilidade da rúa Rocha de Vélez en Mondoñedo

A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas vén de adxudicar por 240.068,92 euros as obras de mellora da accesibilidade na rúa Rocha de Vélez, en Mondoñedo. A intervención será executada pola empresa Novavial S.L. e forma parte do Plan Hurbe, o programa da Xunta destinado a apoiar aos concellos en proxectos de humanización e renovación de espazos públicos.
Os traballos desenvolveranse na zona dos Castros, dentro do ámbito do Plan especial de protección e reforma interior da vila. O obxectivo principal é facilitar un acceso seguro en sentido único tanto para vehículos como para peóns, ao tempo que se revisarán muros deteriorados próximos á antiga estrada N-634. A actuación inclúe tamén o soterrado das instalacións de alumeado público, baixa tensión e telecomunicacións, co fin de mellorar a estética e a seguridade da contorna.
A rúa Rocha de Vélez intégrase ademais na Área Rexurbe de Mondoñedo, a primeira recoñecida en Galicia no ano 2020, que abrangue o conxunto histórico da cidade e parte das súas zonas contiguas, como as rúas Álvaro Cunqueiro, San Roque e a parte alta da estrada dos Remedios.
Segundo o convenio establecido no marco do Plan Hurbe, a Xunta asumirá o 70 % do custo total do proxecto, mentres que o Concello de Mondoñedo financiará o 30 % restante. Ademais, a administración local comprométese á conservación e mantemento das melloras, que pasarán a formar parte do patrimonio público municipal.
A conselleira María Martínez Allegue destacou que este tipo de actuacións permiten avanzar na revitalización das vilas e núcleos rurais, converténdoos en focos de servizos e actividade que contribúen á cohesión do territorio galego.