A Xunta mellora as condicións de seguridade da Confraría de Pescadores de O Vicedo
A Xunta de Galicia mellora as condicións de seguridade na Confraría de Pescadores de O Vicedo grazas a unha colaboración. Así o anunciou o conselleiro do Mar, Alfonso Villares, quen, acompañado do alcalde do municipio, Suso Novo, e do patrón da Confraría, Diego Pernas, indicou que o departamento que dirixe, a través desta axuda cofinanciada polo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e da Acuicultura (FEMPA), dotou ao pósito dun novo equipo de movemento de cargas, que está a facilitar notablemente o desenvolvemento da actividade marítima pesqueira ás traballadoras e traballadores do mesmo.
Esta entidade está constituída por unha pequena agrupación de mariscadoras e seis barcos dedicados ás artes menores e ao cerco, e carece de lonxa, polo que os ingresos cos que conta son moi reducidos, o que impide a adquisición de material necesario para levar a cabo as tarefas diarias. Deste xeito, coa axuda do Goberno galego, o pósito puido mellorar a actividade diaria dos pescadores e mariscadores, de forma que estes xa non teñen que facer sobre esforzos para o traslado das caixas e dos aparellos para a súa reparación, co conseguinte risco que isto supoñía para a súa saúde.
E é que ata o de agora, todas estas tarefas se realizaban de forma manual coa axuda dunha pequena transpaleta, o que implicaba que estes traballos fosen sustancialmente laboriosos e pesados, ademais de pouco seguros. Expón a Xunta que na actualidade, coa adquisición da carretilla elevadora, non só aumentou a seguridade dos profesionais, senón que se incrementa a rendibilidade da súa actividade, ao mecanizarse o traslado dos aparellos e o movemento de nasas e caixas polo peirao do porto e o almacenamento.