A Xunta licita o servizo de atención aos visitantes da Praia das Catedrais

TerraChaXa | AMariñaXa
A Xunta licita o servizo de atención aos visitantes da Praia das Catedrais por un importe de case 230.000 euros para os vindeiros anos
5 Xan 2021

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda vén de licitar o servizo de atención aos visitantes do Monumento Natural da Praia das Catedrais por un importe de case 230.000 euros para os vindeiros anos.

Tal e como se recolle no prego de licitación, ao que se poden presentar ofertas ata o vindeiro 11 de xaneiro, o período de execución deste servizo será entre a Semana Santa e o período estival (23 de xuño ao 30 de setembro), así como outros períodos de tempo nos que, sen estar limitado o acceso ao monumento natural, se prevé un aumento do número de visitas, como as pontes ou festivos tales como o 1 de maio, 12 de outubro (Día da Hispanidade), 1 de novembro, ou 6 de decembro, coincidindo coa Ponte da Constitución.

O servizo implica a contratación de persoal, para achegar información ás persoas visitantes sobre a normativa de uso público do monumento natural máis salientable: prohibición de ir por fóra dos camiños e sendeiros, miradoiros e áreas de descanso, recolección de especies de fauna e flora, tirar cabichas e lixo fóra dos lugares habilitados para tal fin, realizar escalada ou similares,... Así mesmo informarase dos importes das sancións e dos riscos que pode ter a visita.

Outro dos cometidos será a observación e seguimento do comportamento dos visitantes ao monumento natural, así como a realización de visitas guiadas polo monumento natural explicando os procesos xeolóxicos que motivaron a formación do monumento natural, a súa evolución, así como os hábitats e especies existentes no espazo natural e as súas presións e ameazas.

Estas tarefas realizaranse principalmente nos períodos de limitación de acceso, Semana Santa e meses de verán, así como nos períodos que fóra dos de limitación se prevé un incremento no número de visitantes.

En base a este contrato, búscase acadar un uso público ordenado da praia das Catedrais, xunto coa divulgación dos seus valores naturais, así como dar a coñecer os principais riscos e ameazas para o seu mantemento e as medidas de conservación establecidas no plan de conservación do monumento natural da praia das Catedrais; compaxinando deste xeito a preservación do espazo, os hábitats e as especies co uso público. Neste contexto, é clave fomentar a sensibilización e o compromiso social na conservación dos valores ambientais do monumento natural, tanto por parte da poboación local como das persoas visitantes.

Cómpre recordar que a Praia das Catedrais foi declarada monumento natural mediante o Decreto 11/2005, do 20 de xaneiro, segundo a Lei 9/2001, que define no seu artigo 13 a figura de monumento natural coma un espazo ou elemento da natureza constituído basicamente por formacións de notoria singularidade, rareza ou beleza, que merecen ser obxecto dunha protección especial; así coma as formacións xeolóxicas, os xacementos paleontolóxicos e demais elementos da xea que reúnan un interese especial pola singularidade ou importancia dos seus valores científicos, culturais ou paisaxísticos.

0.21368193626404