A Xunta inviste en obras nos centros educativos de Foz, Mondoñedo e Ribadeo

Foz
AMariñaXa
No CIFP Porta da Auga (Ribadeo), CEIP Fondo Nois (Foz) e CEIP Plurilingüe Álvaro Cunqueiro Mora (Mondoñedo)
CIFP_Porta_da_Auga-Ribadeo
30 Dec 2024

Os centros educativos de Foz, Mondoñedo e Ribadeo recibirán 675.000 euros para obras da Xunta de Galicia. A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP licita estas actuacións, enmarcadas no Plan de nova arquitectura pedagóxica, que inicia agora unha segunda fase coa que eleva o seu orzamento a preto de 500 millóns de euros.

No Colexio CEIP Fondo Nois, de Foz, investiranse 86.000 euros na instalación dun ascensor con capacidade para oito persoas. Tamén se construirá unha rampla de acceso neste bloque principal substituíndo á existente para completar a mellora da accesibilidade do centro.

No caso do Colexio CEIP Plurilingüe Álvaro Cunqueiro Mora, en Mondoñedo, o orzamento ascende a 463.000 euros. O programa inclúe o cambio de cuberta do edificio principal por unha nova cunha estrutura portante lixeira de madeira e revestimento de lámina impermeabilizante transpirable e lousa. Tamén se substituirán os canos e as baixantes.

Tamén se mudará a cuberta do taller de automoción Centro Integrado de FP Porta da Auga, de Ribadeo, cun orzamento de 125.000 euros. Colocarase unha nova de panel sándwich de aceiro galvanizado con recheo intermedio de escuma de poliuretano. Substituirase, ademais, o canlón pechado existente por un de similares características e instalaranse lucernarios na zona de taller. A maiores, reformarase a actual vivenda do conserxe, co obxecto de crear novas dependencias dedicadas a despacho, departamentos ou seminarios.

MODELO PIONEIRO

Estas actuacións están xa contempladas nos Orzamentos de 2025 da Consellería de Educación, Ciencia, universidades e FP e enmárcanse no Plan de nova arquitectura pedagóxica, cuxo orzamento total o Goberno galego vén de elevar a preto de 500 millóns de euros. O investimento inicial para o período 2025-28, aprobado hoxe no Consello da Xunta, é de máis de 267 millóns de euros, que se suman aos 230 millóns de euros executados entre 2021 e 2024 con intervencións en practicamente todos os centros.

Isto inclúe tanto a construción e a ampliación de centros, como rehabilitacións integrais, cambios de cuberta, actuacións de enerxías renovables e numerosas obras de mediana e pequena envergadura como instalación de ascensores ou renovación de aseos, entre outros.

A segunda fase do plan consolida un investimento sen precedentes nun dos parques inmobiliarios máis grandes da Xunta de Galicia, o dos centros educativos, integrado por arredor de 1.600 edificios. Ao mesmo tempo avánzase cara a un novo modelo de centros de ensino, pioneiro, con instalacións adaptadas ás necesidades do ensino do século XXI, máis flexibles, versátiles e cunha maior accesibilidade. Apóstase tamén por colexios e institutos máis respectuosos co medio ambiente desde o punto de vista do consumo enerxéticos e da súa integración na contorna.

0.17281603813171