A Xunta investirá máis de 215.000 euros na mellora do porto deportivo de Viveiro

AMariñaXa
O proxecto inclúe a pavimentación da explanada e a renovación da iluminación con tecnoloxía LED
Villares-Reunion-Alcaldesa-Viveiro-(explanada-porto-deportivo-2025)
13 Mar 2025

A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, iniciará esta primavera as obras de mellora no porto deportivo de Viveiro, cun investimento superior aos 215.300 euros. A actuación inclúe a pavimentación da explanada, cun orzamento de máis de 95.300 euros, e a renovación das luminarias con dispositivos LED, cunha partida de 120.000 euros.

Así llo trasladou o conselleiro do Mar, Alfonso Villares, á alcaldesa de Viveiro, Mariña Gueimunde, nunha reunión na que tamén participou o presidente de Portos de Galicia, José Antonio Álvarez. Este encontro enmárcase na rolda de contactos iniciada pola nova rexedora para atraer investimentos que impulsen a reactivación económica do municipio mariñao.

Durante a reunión, Villares tamén asumiu o compromiso de atender unha das prioridades do goberno local: a rehabilitación e humanización do peirao vello. Para iso, ambas partes acordaron que un equipo técnico de Portos de Galicia se desprazará a Viveiro a próxima semana para avaliar a situación e comezar a redacción do proxecto.

Pendentes de Costas

Outro dos temas abordados foi a ampliación do dique de abrigo, un proxecto que se atopa paralizado debido á falta de documentación por parte do departamento de Costas do Estado. Esta actuación, que conta cun investimento previsto de 1 millón de euros, segue á espera de completar a tramitación ambiental e administrativa. Ante esta situación, a alcaldesa avanzou que remitirá un escrito ao Goberno central para solicitar o desbloqueo do proxecto.

Compromiso con Viveiro

A Consellería do Mar reafirma así o seu compromiso cun dos portos máis importantes do Cantábrico. Nos últimos dous anos, investíronse preto de 1,7 millóns de euros en diversas actuacións, como a ampliación de pantaláns, a rehabilitación da nave de redes, a renovación de firmes e pavimentos e a mellora da iluminación na zona norte.

⚙ Configurar cookies
0.086445093154907