A Xunta incrementa un 65 % o investimento na industria de cultivos mariños

AMariñaXa
Alfonso Villares, conselleiro do Mar, reflicte o compromiso do Goberno galego por impulsar a acuicultura
20241219VillaresInsuiña (1)
20 Dec 2024

A industria de cultivos mariños consolídase como un piar clave na economía galega, segundo destacou o conselleiro do Mar, Alfonso Vilares. En apoio a este sector, a Administración autonómica destinará o vindeiro ano 18 millóns de euros, un incremento do 65 % con respecto ás dúas últimas anualidades.

Este esforzo, subliñou o conselleiro, reflicte o compromiso do Goberno galego por impulsar a acuicultura, un sector que en Galicia conta con 2.600 empresas e emprega a máis de 5.600 persoas. En 2023, a acuicultura galega alcanzou unha facturación de 232,7 millóns de euros, a cifra máis alta dos últimos catorce anos.

Dentro das 190.400 toneladas de produción rexistradas, o mexillón ocupa un papel destacado, representando o 93,5 % do total. Este bivalvo acadou na anualidade pasada un valor próximo aos 120 millóns de euros, marcando un récord coa mellor cotización histórica de 0,7€/kg.

Ademais, os peixes tamén experimentaron un crecemento significativo, con subas de máis do 4,7 % na produción e máis do 8% na facturación. Entre eles, o rodaballo sobresae como especie emblemática, cunha produción de 9.600 toneladas. Galicia mantense como a única comunidade de España que produce este peixe, que se exporta a mercados internacionais como Francia, Italia e Alemaña.

O conselleiro Vilares resaltou o valor socioeconómico da acuicultura en Galicia, avogando pola súa compatibilidade co resto dos sectores da cadea mar-industria. Ademais, subliñou a necesidade de seguir impulsando a investigación, destacando o traballo do Centro de Investigacións Mariñas (CIMA), dependente da Xunta, para avanzar na internacionalización e na protección medioambiental.

Vilares incidiu na importancia da acuicultura como unha solución sostible que permite consumir alimentos nutritivos sen sobreexplotar os mares, os ríos nin a superficie terrestre. O obxectivo, concluíu, é adaptarse aos retos do mercado e das tendencias alimentarias globais, mantendo un equilibrio entre sustentabilidade e competitividade.

⚙ Configurar cookies
0.78428888320923