A Xunta impulsa o estudo dunha nova senda na LU-160 en Mondoñedo

AMariñaXa
O proxecto busca conectar o núcleo urbano co área recreativa da Cascada cun itinerario accesible de 1,5 quilómetros
MONDONEDO-area-recreativa-fervenza
16 Aug 2025

A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas está a avanzar no estudo para a creación dunha senda na estrada autonómica LU-160, ao seu paso polo municipio de Mondoñedo. O obxectivo é deseñar con detalle o proxecto de execución dun itinerario peonil na marxe desta vía, no tramo comprendido entre os puntos quilométricos 0+450 e 1+880, prolongando así as beirarrúas actuais dende o barrio mindoniense de San Lázaro ata o contorno da área recreativa da Cascada.

A nova senda, cunha lonxitude aproximada de 1,5 quilómetros, seguirá os criterios establecidos no Plan de Sendas de Galicia. Terá un ancho de 2 metros para garantir a accesibilidade e contará cun pavimento de cor diferenciada, co fin de mellorar a visibilidade e a integración coa contorna.

O punto de partida deste estudo é unha proposta remitida polo propio Concello de Mondoñedo. A intención do departamento autonómico de Infraestruturas é dispoñer do proxecto antes de rematar o ano. Dependendo das conclusións do documento técnico, podería ser necesaria a expropiación dalgúns terreos, o que implicaría abrir un procedemento de información pública.

Esta actuación enmárcase no contrato da Xunta para a redacción de proxectos en estradas autonómicas da provincia de Lugo, co fin de mellorar a mobilidade e a seguridade viaria na rede viaria autonómica.

⚙ Configurar cookies
0.19880604743958