A Xunta impulsa accións promocionais para fortalecer a IXP Faba de Lourenzá

AMariñaXa
O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, reúnese co Consello Regulador para analizar medidas que melloren a comercialización e consumo desta faba de calidade diferenciada.
Faba_Lourenza_4decembro
5 Feb 2025

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, acompañado polo delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, mantivo recentemente unha xuntanza de traballo co presidente do Consello Regulador da Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Faba de Lourenzá, José Cuadrado, para analizar a situación do sector e explorar novas vías para a súa mellora.

A reunión resultou en diversos compromisos por parte da Consellería do Medio Rural para levar a cabo accións promocionais orientadas a incrementar o consumo desta faba con selo de calidade diferenciada. Neste sentido, tamén se reforzará a súa identificación nos puntos de venda, para facilitar aos consumidores o recoñecemento e distinción da Faba de Lourenzá fronte a outras marcas.

Ademais, no encontro recolléronse diversas demandas do sector, que solicita unha reforma do Plan Estratéxico da Política Agraria Común (Pepac) para mellorar as condicións de comercialización e axuda para a IXP. Non obstante, explicouse que os cambios na normativa do Pepac e na regulamentación básica da Unión Europea son complexos e de difícil modificación por parte dos estados membros.

A Xunta tamén anunciou a posta en marcha de dous proxectos de investigación a través do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo, pertencente á Axencia Galega da Calidade Alimentaria. Estas liñas de traballo centraránse na análise da eficacia dos tratamentos fitosanitarios que se empregan na produción da faba, así como na procura de novas solucións para combater os efectos dos fungos e o cambio climático sobre este cultivo. Ademais, estudarase a viabilidade comercial da faba esmagada, que actualmente non está amparada pola IXP.

Finalmente, o Consello Regulador solicitou a modificación do prego de condicións técnicas da IXP Faba de Lourenzá, co fin de mellorar a súa comercialización e, así, incrementar a rendibilidade económica dos produtores de faba certificada. A Xunta comprometeuse a valorar esta proposta para garantir o futuro e o éxito deste produto de calidade diferenciada.

0.17036700248718