A Xunta impulsa a tramitación de tres proxectos eólicos que axudarán a recuperar a produción de aluminio en Alcoa

AMariñaXa
A Xunta impulsa a tramitación de tres proxectos eólicos que axudarán a recuperar a produción de aluminio en Alcoa San Cibrao
eolicos mar muinos
4 Nov 2022

Trátase da segunda excepcionalidade acordada polo Consello da Xunta -tras a vinculada aos proxectos industriais de Showa Denko na Coruña-, unha figura administrativa que permite estudar a implantación de parques fóra das áreas do Plan sectorial eólico, sempre e cando sexan iniciativas cunha clara incidencia sobre o territorio pola súa entidade económica e social e posúan unha función vertebradora e estruturante na zona.

O Consello da Xunta acordou impulsar a tramitación de tres proxectos eólicos cos que a empresa Alcoa San Cibrao trata de abaratar a factura eléctrica, requisito indispensable para poder reactivar a produción de aluminio primario, actualmente parada polo encarecemento do prezo da luz. Deste xeito, a compañía podería afrontar con maiores garantías os seus retos a futuro e, polo tanto, gañar en competitividade.

Galicia acóllese, por segunda vez, á figura da excepcionalidade -tras o acordo con respecto a dous proxectos eólicos que poderían beneficiar á planta de Showa Denko na Coruña-. Esta posibilidade está recollida na lei para declarar estes parques -Borrasca (84MW), Monzón (50,4MW) e Ventisca (89,6MW)- como proxectos cunha clara incidencia territorial pola súa entidade socioeconómica e cunha función vertebradora e estruturante do territorio, o que permitirá -no caso de aprobarse- a súa execución fóra das áreas do Plan sectorial eólico de Galicia.

Ao tratarse de tres proxectos eólicos de tramitación estatal, xa que cada un deles supera os 50MW, Galicia agarda a sensibilidade do Goberno central para axilizar os parques e, desta maneira, apoiar unha industria electrointensiva como é Alcoa: os eólicos subministrarán enerxía eléctrica á planta, o que lle permitirá contar cun prezo competitivo que contribúa no futuro á súa viabilidade e a garantir o mantemento dos postos de traballo vinculados á planta de aluminio -tanto os empregos en Alcoa como na industria auxiliar e o sector do transporte e a loxística-.

Así, estímase que estes contratos PPA (Power Purchase Agreement, acordos de compra de enerxía) entre a compañía e a promotora dos parques eólicos -Greenalia prevé investir 267 millóns de euros-, achegarían o 9% das necesidades enerxéticas de Alcoa.

Ante a política enerxética do Goberno central e a falta de solucións concretas para a industria electrointensiva, Galicia está a demostrar novamente o seu compromiso con este sector. Cómpre lembrar que a Xunta xa declarou no ano 2020 esta industria como esencial e estratéxica para a súa economía.

De feito, a nova Lei de áreas empresariais de Galicia especifica que, sempre que cumpran coa normativa e con todas as garantías ambientais, se dará prioridade a aqueles proxectos eólicos que destinen o 50% da enerxía que produzan á industria asentada en Galicia para reducir a súa pegada de carbono. Os parques eólicos que se vinculen ás PPA poderán beneficiarse desta nova normativa que vai favorecer á industria no seu conxunto, como tamén xa están explorando outras empresas.

No caso concreto de Alcoa, ademais, a Xunta concedeu este ano unha axuda de 985.000 euros á planta de San Cibrao para a mellora da súa eficiencia enerxética. En concreto, a empresa investirá 3,4 millóns de euros para a substitución do consumo de fuelóleo por gas natural co obxectivo de reducir en preto dun 3% o consumo inicial, o que supón máis de 4 millóns de kWh ao ano.

0.19223403930664