A Xunta impulsa a restauración dos bosques mariños de kelp fronte á costa lucense

AMariñaXa
A conselleira Ángeles Vázquez participa nunha sementa experimental de algas en O Vicedo empregando a técnica green gravel
Vicedo-algas-kelp-2025
11 Aug 2025

A Xunta de Galicia está a desenvolver unha actuación pioneira para recuperar e reforzar as poboacións de algas laminarias —coñecidas como kelp— no litoral lucense, dentro dun proxecto global de conservación dos ecosistemas mariños e do seu contorno en toda Galicia.

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, supervisou esta mañá en augas próximas ao Fuciño do Porco, no concello de O Vicedo, unha operación de repoboación mediante a técnica green gravel (grava verde). O método consiste en empregar pequenas pedras recubertas con esporas de kelp cultivadas previamente en laboratorio, que despois son depositadas no fondo mariño para favorecer o asentamento e crecemento das algas. Para esta acción, incluída na ZEC Costa Mariña Occidental, contou coa colaboración da Universidade da Coruña e o traballo dun equipo de mergulladores.

O proxecto, cun investimento de 4,46 millóns de euros procedentes de fondos europeos Next Generation, abrangue 12 Zonas de Especial Conservación (ZEC) da Rede Natura 2000 na costa galega. Desde 2023, nestes espazos estánse realizando tarefas como a eliminación de especies invasoras, a recollida de lixo mariño, a mellora de hábitats para aves ameazadas e a restauración de bosques de kelp.

A intervención en O Vicedo é a cuarta que se leva a cabo con este sistema, tras as xa executadas na ZEC Costa da Vela (O Morrazo), ZEC Ons-O Grove e ZEC Complexo Húmido de Corrubedo. Está previsto completar en setembro as actuacións nas ZEC Costa Ártabra e Ortigueira-Mera.

A elección destes enclaves responde á constatación de que as poboacións de laminarias están en retroceso debido a factores como o cambio climático, a contaminación, a recolección, a sobreexplotación pesqueira ou a expansión de especies exóticas. Segundo explicou a conselleira, as primeiras algas sementadas xa presentan signos de crecemento, confirmando que a técnica é eficaz.

As algas laminarias xogan un papel esencial como sumidoiros naturais de carbono, base de hábitats mariños, protectoras da liña de costa fronte á erosión e melloradoras da calidade da auga.

⚙ Configurar cookies
0.39411783218384