A Xunta impulsa a restauración do retablo barroco da capela da Orde Terceira de Mondoñedo

AMariñaXa
O proxecto, cun investimento de 95.500 euros, busca recuperar o esplendor orixinal desta xoia do século XVIII situada no Camiño Norte
concello-mondonedo-edificio
5 May 2025

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude vén de adxudicar os traballos de restauración do retablo maior da capela da Venerable Orde Terceira do convento de San Pedro de Alcántara, en Mondoñedo. A intervención conta cun orzamento de 95.500 euros e forma parte do plan de recuperación do patrimonio relixioso galego promovido pola Xunta.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, desprazouse ao templo para presentar os detalles do proxecto, que inclúe actuacións integrais sobre a mazonería, as imaxes e os lenzos do retablo, datado en 1743 e de estilo Barroco. Os traballos abranguen labores de limpeza, eliminación de insectos, tratamento de gretas e fisuras, reforzo de ancoraxes, e a recuperación das policromías e vernices orixinais mediante reintegracións cromáticas.

Ademais, acometeranse melloras no altar, como a recuperación do último chanzo da tarima de pedra e o recubrimento da mesa con madeira de castiñeiro, así como a rectificación das portas. Co obxectivo de devolverlle á capela a súa imaxe histórica, eliminaranse engadidos recentes sen valor patrimonial, como cableados, pezas metálicas e a escaleira e porta instaladas no século XX que alteran a configuración orixinal do espazo.

Arias lembrou que esta intervención se suma a outras xa realizadas pola Xunta no mesmo conxunto relixioso, cun investimento total de 355.500 euros nos dous últimos anos. Nunha primeira fase foron rehabilitadas as fachadas, as cubertas e elementos interiores afectados pola humidade, incluída a zona superior do retablo, que requiriu unha reparación urxente para garantir a súa estabilidade estrutural.

A capela da Venerable Orde Terceira, construída en 1731, está incluída no Catálogo do Patrimonio Cultural de Galicia e situada en pleno Camiño Norte, recoñecido como Patrimonio da Humanidade pola UNESCO. É un dos poucos elementos que se conservan do antigo convento de San Pedro de Alcántara, xunto coa igrexa homónima, a antiga sancristía e algúns restos do claustro.

⚙ Configurar cookies
0.17063403129578