A Xunta impulsa a renovación da cuberta do CEIP Álvaro Cunqueiro de Mondoñedo

AMariñaXa
O proxecto, cun investimento de máis de 450.000 euros, busca mellorar o confort térmico e a eficiencia enerxética do colexio
Mondonedo-CEIP-alvaro-cunqueiro
11 Apr 2025

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, achegouse este mércores ao CEIP Plurilingüe Álvaro Cunqueiro Mora de Mondoñedo para anunciar a adxudicación das obras de renovación da cuberta do edificio principal do centro. A intervención conta cun orzamento de 453.629 euros e busca mellorar as condicións térmicas e enerxéticas do colexio.

Segundo explicou Rodríguez durante a visita, os traballos consistirán na substitución da actual cuberta por unha nova estrutura portante de madeira lixeira, que estará revestida cunha lámina impermeable e transpirable e cuberta de lousa. O deseño manterá a estética do tellado actual, con forma a catro augas, e abarcará unha superficie total de 1.454 metros cadrados.

Ademais, renovarase o sistema de evacuación de augas pluviais, instalando novos canlóns e baixantes de aceiro prelacado en ton escuro. A execución das obras terá unha duración de tres meses a partir da formalización do contrato, e prevese que estean finalizadas a tempo para o inicio do vindeiro curso escolar.

O conselleiro salientou que esta actuación “contribuirá de maneira directa ao benestar da comunidade educativa, ao mellorar o confort térmico nas aulas e incrementar a eficiencia enerxética do edificio”.

Esta obra insírese dentro do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, a estratexia da Xunta de Galicia para modernizar os centros educativos. Este plan abrangue tanto a creación de novos espazos e a ampliación dos existentes como intervencións de rehabilitación integral, instalación de enerxías renovables ou melloras puntuais como a instalación de ascensores e renovación de aseos.

⚙ Configurar cookies
0.17631506919861