A Xunta impulsa a mellora dos camiños rurais en Riotorto e Mondoñedo cun investimento de 400.000 euros

A Consellería do Medio Rural destina máis de 400.000 euros á mellora de infraestruturas viarias nos concellos de Riotorto e Mondoñedo dentro dun plan que se desenvolverá entre 2024 e 2026. Estes fondos servirán para acondicionar e renovar camiños municipais, mellorando a conectividade e a accesibilidade das zonas rurais.
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, visitou hoxe o avance das obras en Vilar de Santiago, Riotorto, acompañada pola directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Paz Rodríguez, e os alcaldes de Mondoñedo, Manuel Otero, e Riotorto, Clemente Iglesias.
Durante a visita, Gómez destacou que estas actuacións son fundamentais para fomentar o desenvolvemento e a fixación de poboación no rural. A modernización das vías de comunicación facilita os desprazamentos da veciñanza, mellora os accesos ás explotacións agrarias e fortalece a cohesión social e territorial. Ademais, sinalou que unha boa infraestrutura viaria repercute directamente na competitividade das empresas e explotacións do sector primario.
A Xunta leva promovendo este tipo de axudas de forma continuada dende 2013, a través da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural. Nos últimos anos, o investimento neste ámbito foi significativo: só dende 2016, destináronse máis de 167 millóns de euros, permitindo a rehabilitación de 6.042 camiños municipais e a mellora de 4.744 quilómetros de vías rurais en toda Galicia.