A Xunta impulsa 24 proxectos municipais na Mariña con máis de 1,1 millóns de euros en axudas

AMariñaXa
As achegas, canalizadas a través de tres liñas da Dirección Xeral de Administración Local, benefician a 15 concellos e á Mancomunidade, con actuacións en accesibilidade, eficiencia enerxética ou medio ambiente
javier-arias-delegado-xunta-galicia
13 Jun 2025

A Xunta de Galicia vén de mobilizar máis de 1.162.000 euros para impulsar melloras en infraestruturas e servizos municipais na Mariña lucense. Así o anunciou o delegado territorial, Javier Arias, quen detallou que os fondos proceden de tres ordes de axuda convocadas este ano pola Dirección Xeral de Administración Local da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes.

En total, estas achegas permitirán desenvolver 24 proxectos en 15 concellos da comarca, así como na Mancomunidade de Municipios da Mariña, dentro dunha estratexia centrada en reforzar a capacidade dos gobernos locais para atender ás necesidades da veciñanza.

Unha das liñas resoltas recentemente está destinada a creación ou mellora de infraestruturas municipais consideradas estratéxicas. Entre os beneficiarios atópanse Ourol, que realizará unha actuación de accesibilidade no centro social; Mondoñedo, que intervirá na alameda dos Remedios; Barreiros, que rehabilitará un local en Vilamartín Pequeno para convertelo en centro social; Ribadeo, que ampliará as dotacións da escola de música; e O Valadouro, que acometerá melloras en instalacións de titularidade municipal.

Ademais, Barreiros e Trabada recibiron unha achega conxunta para acondicionar unha estrada que comunica os núcleos do Rego e Vilamartín Pequeno. Arias puxo en valor esta colaboración intermunicipal, destacando que “é unha actuación relevante para a veciñanza” e lamentou que “desde os gobernos locais non se fixera referencia á participación da Xunta no financiamento cando presentaron publicamente o proxecto”.

O delegado territorial referiuse tamén a outra subvención de 32.000 euros ao Concello de Trabada para mellorar o alumeado público en diversos núcleos. “Hoxe mesmo fixeron pública esta actuación e, de novo, evitaron mencionar que é froito dunha achega da Xunta con cargo ao Fondo de Cooperación Autonómica”, criticou.

Entre as liñas incluídas tamén figura o Fondo de Compensación Ambiental (FCA) do ano 2025, cun orzamento conxunto de arredor de 994.000 euros, repartido entre convocatorias competitivas e non competitivas.

Neste caso, os concellos beneficiados son Alfoz, A Pontenova, Cervo, Foz, Lourenzá, Mondoñedo, Ourol, O Valadouro, O Vicedo, Trabada, Viveiro e Xove. Tamén a Mancomunidade de Municipios da Mariña contará con fondos para mellorar o equipamento de recollida de lixo doméstico.

Arias lembrou que estas tres convocatorias son só unha parte das liñas de apoio ás entidades locais que promove a Dirección Xeral de Administración Local, e que nas vindeiras semanas se resolverán outras axudas como o Fondo de Cooperación Local ou as destinadas á eficiencia enerxética.

⚙ Configurar cookies
0.15599203109741