A Xunta financia con 43.000 euros a rehabilitación dunha vivenda municipal en Trabada para alugueiro accesible

AMariñaXa
O inmoble, a antiga escola de Valboa, súmase a outros cinco xa recuperados polo Concello co apoio autonómico
Vivenda-rehabilitada-Trabada-2025
3 Dec 2025

A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas vén de apoiar con 43.000 euros a recuperación dunha nova vivenda municipal en Trabada, destinada a alugueiro accesible. O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, visitou hoxe o lugar das Cabanas para comprobar o resultado dos traballos realizados na antiga escola de Valboa, agora acondicionada como residencia.

Arias explicou que esta intervención se enmarca na liña de axudas posta en marcha no ano 2017 para impulsar a rehabilitación de inmobles de titularidade municipal. Desde entón, o Goberno galego leva investidos 174.100 euros en Trabada para colaborar na recuperación de cinco propiedades públicas situadas nos núcleos da Igrexa (Sante), O Castro (Vidal), Vilapercide e Trabadela.

Grazas a estes fondos, e á actuación executada neste exercicio, xeráronse cinco vivendas distribuídas en distintas parroquias do municipio, todas destinadas a facilitar o acceso á residencia en réxime de alugueiro para a veciñanza.

O delegado lembrou que estas axudas poden chegar a cubrir ata o 95% do investimento realizado polos concellos, reforzando así o papel das administracións locais na ampliación do parque residencial público. No conxunto da provincia de Lugo, a convocatoria deste ano permitiu conceder 561.000 euros a sete municipios, cos que se están a crear 13 novas vivendas.

Arias subliñou que a Xunta mantén o seu compromiso de facilitar o acceso á vivenda e de continuar ampliando o parque público residencial da provincia, tanto mediante novas promocións como a través da colaboración directa cos concellos.

⚙ Configurar cookies
0.075873851776123