A Xunta financia a posta en marcha de tres obradoiros duais de emprego na comarca

TerraChaXa | AMariñaXa
A Xunta de Galicia financiará 14 obradoiros duais de emprego que se desenvolverán en 40 municipios da provincia, tres na comarca
8 Nov 2020

A Xunta de Galicia financiará 14 obradoiros duais de emprego que se desenvolverán en 40 municipios da provincia de Lugo e suporán a contratación de 341 persoas, entre alumnos-traballadores (280) e persoal de dirección, administración e monitores (ao redor de 61 contratos).

O delegado territorial da Administración autonómica, Javier Arias, explicou que a Consellería de Emprego e Igualdade destina 4,8 millóns de euros a colaborar cos concellos promotores destas iniciativas a través da convocatoria de axudas deste ano, que vén de resolverse.

Cada taller ofrece formación e emprego a 20 persoas, que contarán cun contrato de traballo durante a súa participación na actividade e ao finalizar poderán acreditar as ensinanzas recibidas cun certificado de profesionalidade. Está previsto que se poñan en marcha antes de finais de ano e durarán nove meses.

A MARIÑA

Na área da Mariña funcionarán tres talleres: Sendas de Burela, Cervo e Xove VII -coa participación deses tres municipios-; Ribadeo X Camiño, que impulsa individualmente o Concello de Ribadeo; e Terras do Sor IV, que promove O Vicedo xunto con Ourol e Muras.

Os obradoiros funcionarán en concellos de todas as áreas da provincia. En concreto, Friol promove xunto con Rábade e Begonte a iniciativa Cumes da Terra Chá IV; Outeiro de Rei, Castro de Rei e Cospeito compartirán o taller Santa Isabel IV; Vilalba porá en marcha con Abadín Terra Chá no Camiño; Guntín impulsa xunto co Páramo e O Corgo Ponte de Areas IV; Palas de Rei, Monterroso e Portomarín desenvolverán o proxecto Camiño de Santiago I; Ribeira de Piquín, Castroverde, Riotorto, Pol e A Pastoriza terán o taller O Castro VI e na área da Montaña, o obradoiro Vía Künig II implica aos municipios de Baralla, As Nogais e Becerreá.

Na Zona Sur, Carballedo impulsa con Chantada o proxecto Serra do Faro V; Quiroga, Folgoso do Courel e Ribas de Sil porán en marcha o taller Montañas do Courel; O Incio compartirá un obradoiro con Bóveda e A Pobra do Brollón; e O Saviñao, Sober e Pantón promoven Ricra IV.

Entre os criterios para conceder as axudas, valoráronse as propostas presentadas por concellos agrupados ou resultantes dunha fusión, as de municipios emprendedores ou as que presentan contidos relacionados co fomento das TIC e da economía dixital.

Tamén se valorou o desenvolvemento dun programa de inserción laboral mediante incentivos á contratación do alumnado durante un mínimo de tres meses, con contratos a xornada completa en empresas do mesmo ámbito territorial que o obradoiro.

Sete dos talleres promovidos na provincia de Lugo ofrecen esta alternativa, o que posibilitará que 69 participantes poidan acceder ao mercado laboral despois de finalizar a súa etapa formativa nos obradoiros. Este programa de incentivos supón un investimento engadido por parte da Xunta de 103.500 euros.

0.1893789768219