A Xunta fala na mesa industrial de Vestas de oito posibles compradores
A Xunta anunciou na terceira Mesa Industrial de Vestas, celebrada en Santiago de Compostela, que xa iniciou contactos con empresas para buscar un posible comprador para a fábrica de Viveiro, das que oito serían viables desde o punto de vista do obxecto social da factoría.
A pesares disto, a conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, afirmou que os actuais responsables da factoría parecen ter como único obxectivo pechar a fábrica e impedir a busca dun posible comprador e, polo tanto, dun eventual competidor en Europa. Lorenzana lamentou a estratexia de Vestas de prorrogar o período de consultas do Expediente de Regulación de Emprego tan só ata o próximo 5 de novembro. Son, segundo dixo, “catro días hábiles para o período do expediente de despido colectivo que non deixa marxe ao Goberno autonómico para a busca de compradores”.
A conselleira de Emprego e Igualdade -que acudiu á reunión acompañada polo director do Igape, Fernando Guldrís, e o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias- trasladou á Mesa Industrial que “estamos realizando os contactos coas empresas para avanzar, pero o tempo é moi axustado”.
A conselleira amosou a súa decepción co papel que está xogando o Ministerio de Industria, Comercio y Turismo, que inicialmente se mostrou “proactivo” pero que a estas alturas “non leva feito absolutamente nada” para localizar compradores.
Nesta liña, Lorenzana subliñou que do contido da reunión de hoxe desprendeuse que Goberno central e a dirección de Vestas manteñen conversas á marxe da Mesa Industrial, o que, segundo indicou, reflicte que a Xunta ten “serias dúbidas” sobre o interese real do Ministerio en manter a actividade de Vestas en Galicia e deslizou a existencia dalgún tipo de “conflito de intereses” neses movementos.
Pola súa banda, os membros do comité de empresa e dos sindicatos comentaron que "Vestas reafirmou a súa postura, e decidiron contratar a unha empresa especializada na búsqueda de compradores". Ademais a multinacional decidiu ampliar o prazo de consultas mentres sigue adiante coa súa recolocación usando a ampliación do prazo para acosar ao comité con reunións".
A compañía prorrogou, segundo denuncian os sindicatos, o período de consultas do ERE extintivo que pretende aplicar, e que soporía 115 despedimentos, ata o próximo 5 de novembro.
A vindeira mesa laboral dentro do período de consultas está proposta para este mércores 27 ás 9.00 horas.