A Xunta entrega novo equipamento aos GES de Friol e Cervo

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
A Xunta reforza a dotación de equipamento dos GES de Friol, Cervo e Moraña coa entrega de cadanseu vehículo bomba urbana lixeira
ENTREGA MATERIAL GES FRIOL CERVO2
9 Xuño 2022

Ademais de Friol, atende os concellos de Begonte, Guitiriz, Outeiro de Rei e Palas de Rei; e o GES da zona A Mariña Central e Occidental, con sede no concello de Cervo, tamén cubre os de Alfoz, Burela, Foz, O Valadouro e Xove.

O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, fixo entrega de cadanseu vehículo Bomba Urbana Lixeira (BUL) aos Grupos de Emerxencias Supramunicipais (GES) con sede en Friol, Cervo e Moraña. A Xunta inviste 450.000 euros na dotación, con 150.000 euros destinados a cada un dos vehículos. Ao acto tamén acudiron o director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, e o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias.

Na súa intervención, o vicepresidente segundo destacou que con esta entrega, “a Xunta mantén o seu compromiso para dotar dos medios necesarios os servizos de emerxencias da comunidade”. “Trátase así de reforzar a eficiencia do seu labor, co obxectivo de garantir algo tan fundamental como a protección e a seguridade da cidadanía”, engadiu.

Diego Calvo referiuse tamén ao investimento histórico realizado polo Goberno galego nesta liña de acción, con máis de 21 millóns de euros en material cedido aos concellos galegos para os GES e Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil “ a pesar de tratarse dunha competencia local, dos concellos de máis de 20.000 habitantes e das deputacións provinciais nos municipios de menor poboación”.

Deste total, aos GES destináronse, desde a súa posta en marcha en 2013, un total de 7 millóns de euros. A eles súmanse este ano outros 1,5 millóns en material diverso para 16 grupos, entre o que se atopan os tres vehículos cedidos.

Con capacidade para tres persoas e adaptadas para ser utilizadas en terreos con zonas de paso estreitas, as Bombas Urbanas Lixeiras entregadas vanlles facilitar aos respectivos concellos o transporte de auga para a extinción de pequenos incendios, ao contar cunha cisterna con capacidade para 1.260 litros.

Preto de 20 concellos beneficiados

Así, mellorarán o seu equipamento o GES da zona Friol-Palas, que ademais de Friol atende os concellos de Begonte, Guitiriz, Outeiro de Rei e Palas de Rei; o GES da zona A Mariña Central e Occidental, con sede no concello de Cervo e que tamén cubre os de Alfoz, Burela, Foz, O Valadouro e Xove; xunto co GES da zona Ulla-Umia, con sede en Moraña e que inclúe ademais Barro, Caldas de Reis, Campo Lameiro, Catoira, Cuntis e Portas.

Cómpre lembrar que ao mapa de emerxencias de Galicia incorporáronse o ano pasado o GES da Cañiza, A Lama e Mos/Redondela, en Pontevedra; A Veiga e Maceda, en Ourense; e o servizo municipal de emerxencias de Noia, no marco dun mesmo convenio entre Xunta, deputacións e concellos.

Este ano, debido á decisión das Deputacións de Lugo, A Coruña e Pontevedra de rexeitar as melloras propostas pola Xunta, nestas 3 provincias manteranse as condicións actuais e na de Ourense aplicaranse nos seus 12 GES os cambios en canto á cobertura das emerxencias en Galicia, nas condicións laborais e económicas dos GES existentes e no incremento dos cadros de persoal dos servicios de emerxencia que non contaban con 12 efectivos.

0.073958158493042