A Xunta entrega dúas novas vivendas en réxime de alugueiro no Valadouro e en Barreiros

AMariñaXa
Para acceder a este tipo de vivendas hai que inscribirse no Rexistro Único de Demandantes de Vivenda de Galicia
valadouro-barreiros-vivenda
8 Jul 2025

A Xunta de Galicia vén de adxudicar dúas novas Vivendas de Promoción Pública (VPP) nos concellos do Valadouro e Barreiros, ambas en réxime de alugueiro. O delegado territorial do Goberno galego en Lugo, Javier Arias, participou no acto de entrega das chaves ás persoas adxudicatarias.

No Valadouro, a vivenda entregada está situada na rúa José Antonio Ferreiro González. Conta con catro dormitorios, 90 metros cadrados de superficie útil, ademais de praza de garaxe e rocho. No caso de Barreiros, a vivenda asignada atópase na rúa da Praia, con 88 metros cadrados, tres dormitorios e aparcamento.

Javier Arias destacou que “en canto un inmoble queda vacante, axilízanse todos os trámites necesarios para poñelo a punto e volver adxudicalo canto antes”, coa finalidade de garantir o uso inmediato destes recursos por parte das familias que os precisan.

O delegado territorial tamén puxo en valor o traballo da Xunta no ámbito da vivenda pública e sinalou que “está a traballar en novos proxectos para crear máis residencia de promoción pública a prezos accesibles, tanto en réxime de alugueiro como de compravenda”.

As persoas interesadas en acceder a este tipo de vivendas poden inscribirse de forma gratuíta no Rexistro Único de Demandantes de Vivenda de Galicia, un trámite que se pode realizar de maneira telemática a través da páxina web oficial da Xunta.

⚙ Configurar cookies
0.16830706596375