A Xunta e Sargadelos chegan a un acordo para reactivar a produción na planta cervense

Unha semana despois do peche da planta de produción de Sargadelos en Cervo, a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e a dirección da empresa veñen de acadar un acordo que permitirá retomar a actividade industrial. Así se fixo público tras unha reunión entre representantes da Xunta e da fábrica, na que se analizaron os pasos a seguir para garantir a continuidade da histórica marca galega.
No comunicado conxunto emitido polas dúas partes, recóllese tamén o compromiso de realizar un estudo para identificar e aplicar melloras nas condicións de seguridade e saúde laboral, sempre coa vista posta na protección dos traballadores. A colaboración será plena, segundo indican, e a administración autonómica mostra a súa disposición para apoiar as actuacións que resulten necesarias.
Neste sentido, a Inspección de Traballo confirmou o pasado 4 de abril que os niveis de exposición do persoal “están dentro dos límites legais” e que as deficiencias detectadas “non implican risco inminente”. Así mesmo, recoñécese que, dadas as características singulares do edificio, declarado Ben de Interese Cultural (BIC), é posible flexibilizar os prazos establecidos para as melloras.
A Xunta comprométese tamén a colaborar na adaptación das instalacións, se estas requiren reformas, tendo en conta o valor patrimonial e arquitectónico do complexo. O acordo supón un paso clave para garantir a continuidade dunha das marcas máis emblemáticas da cerámica galega e unha das principais referencias culturais e económicas da Mariña.