A Xunta e o Concello de Cervo exploran novas vías de colaboración para reforzar o sector marítimo-pesqueiro

AMariñaXa
Na reunión valoráronse as obras realizadas no porto de San Cibrao e as achegas do Fempa que superan os 186.000 euros
Cervo-conselleira-Mar-alcaldesa-2025
29 Sep 2025

A conselleira do Mar, Marta Villaverde, mantivo este luns un encontro de traballo coa alcaldesa de Cervo, Dolores García, no que tamén participou o presidente de Portos de Galicia, José Antonio Álvarez. A reunión tivo como obxectivo afondar en novas vías de cooperación que contribúan a fortalecer a actividade marítimo-pesqueira neste concello da Mariña.

No transcurso da xuntanza repasáronse as actuacións máis recentes impulsadas por Portos de Galicia, entre as que destacan as obras de mellora dos departamentos de armadores do porto de San Cibrao. Esta intervención contou cun investimento de 375.000 euros e fixo posible acondicionar dez locais destinados ao uso dos profesionais con base neste peirao, unha demanda histórica do sector.

Ademais, abordáronse estratexias conxuntas para promover e poñer en valor os produtos pesqueiros propios da zona, considerados un recurso clave tanto a nivel económico como cultural. Nesta liña, tamén se avaliaron as axudas canalizadas nos dous últimos anos a través do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (Fempa), que supuxeron un impulso de máis de 186.000 euros para a dinamización da economía local vinculada ao mar.

Desde ambas as administracións coincidiron en subliñar a importancia de continuar traballando da man co sector pesqueiro, apoiando ás súas organizacións e facilitando infraestruturas que melloren a competitividade e aseguren a sustentabilidade da actividade.

⚙ Configurar cookies
0.092911958694458