A Xunta dota o Concello de Viveiro cunha nova retroescavadora para reforzar o servizo de obras

AMariñaXa
O equipamento, financiado con 95.200 euros do Fondo de Compensación Ambiental, permitirá mellorar a operatividade municipal e reducir custos en alugueiro de maquinaria
Maquinaria-Viveiro-xunta-2025
6 Nov 2025

A Xunta de Galicia destinou un investimento de 95.200 euros ao Concello de Viveiro para a adquisición dunha máquina retroescavadora que pasará a formar parte do parque de maquinaria do departamento municipal de obras. O novo equipamento foi presentado polo delegado territorial de Lugo, Javier Arias, e pola alcaldesa de Viveiro, Mariña Gueimunde, quen explicaron que a compra se financiou a través do Fondo de Compensación Ambiental, dependente da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes.

Segundo detallaron, trátase dunha máquina compacta de altas prestacións, deseñada para adaptarse a diferentes tarefas relacionadas coa construción e mantemento de infraestruturas viarias, así como coa prevención de incendios forestais e a xestión de riscos naturais. Entre os seus principais complementos inclúe un brazo retroescavador, unha pala cargadora e un martelo hidráulico, o que lle confire unha gran versatilidade de uso en obras e servizos municipais.

O delegado territorial subliñou que esta nova dotación “mellorará a capacidade operativa do Concello de Viveiro na execución de traballos públicos, ao tempo que permitirá reducir o gasto municipal derivado da contratación de maquinaria externa”. Engadiu ademais que esta é “unha ferramenta fundamental para dar resposta ás necesidades do territorio, tanto en tarefas de mantemento como en actuacións de emerxencia”.

Arias explicou que o investimento forma parte da liña non competitiva do Fondo de Compensación Ambiental, a través da cal a Administración autonómica achega preto de 828.000 euros para financiar proxectos promovidos por 13 concellos da Mariña. O obxectivo, sinalou, é apoiar iniciativas municipais que contribúan á protección do medio ambiente, á sustentabilidade e á mellora dos servizos públicos locais.

Pola súa parte, a alcaldesa Mariña Gueimunde agradeceu o respaldo da Xunta, destacando que a adquisición desta retroescavadora “vai supoñer un avance importante para o Concello, pois facilitará o desenvolvemento de obras e intervencións de mantemento con recursos propios, de forma máis rápida e eficiente”.

A rexedora incidiu tamén en que a maquinaria “permitirá actuar con maior autonomía en casos de emerxencia, como desbordamentos ou incidencias nas infraestruturas municipais, reducindo os tempos de resposta e mellorando a capacidade de intervención do persoal técnico”.

Con esta nova incorporación, o Concello de Viveiro reforza o seu compromiso coa xestión eficiente dos recursos públicos e co mantemento das infraestruturas locais, nunha liña de traballo que aposta pola modernización dos servizos e pola sustentabilidade ambiental.

⚙ Configurar cookies
0.076050996780396