A Xunta destinará 9 millóns de euros a varios proxectos do Concello de Ribadeo

AMariñaXa
O alcalde, Dani Vega, mantivo unha reunión co presidente da Xunta, Alfonso Rueda
ribadeo-Foto-reunión-Alfonso-Rueda-e-Dani-Vega-2
9 Jan 2025

O alcade de Ribadeo, Dani Vega, reúnese co presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda. Destaca que Ribadeo está na axenda da Xunta e que a administración galega destinará 9 millóns de euros a varios proxectos importantes.

O rexedor subliñou: “Mantivemos onte unha reunión de traballo co presidente da Xunta. O primeiro que debo facer é dar as grazas por ser o primeiro alcalde ao que recibe no 2025”. Para o alcalde ribadense “foi unha reunión produtiva, unha reunión onde se trataron os asuntos máis importantes que ten Ribadeo nos próximos anos”.

O primeiro deles: o abastecemento da auga. A xestión foi de 7,5 millóns de euros, a maior inversión da historia de Ribadeo. “Imos cerrar un asunto do que se falaba moito, pero non se poñía o orzamento, onde se analizou sistematicamente que había un problema, pero ninguén lle puxo a solución. Neste ano e sete meses puxémoslle solución ao maior problema que ten Ribadeo. Tiña e ten un problema serio, que se non lle poñemos solución temos o 95% de posibilidades de quedar sen auga. Polo tanto, isto solucionado con 7,5 millóns de euros”, afirmou.

Na axenda de asuntos abordados polo presidente da Xunta e polo rexedor de Ribadeo tamén estivo o hospital asilo: “Traballamos en novas liñas de financiamento na residencia hospital asilo. As obras avanzan a moi bo ritmo, vamos certificar en tempo e forma, pero necesitamos xa falar de solucións, por exemplo no equipamento. Aí estamos traballando, vamos concretar a cifra desde que teñamos un orzamento, entón empezamos xa a traballar na segunda parte de mellora do hospital asilo”.

Vega referiuse tamén á rúa Bos Aires: “A que baixa ao porto onde está o auditorio, contamos con 450.000 euros para poñerlle tamén solución e tamén para a nova oficina de turismo que vai ter Turismo de Galicia, así como a nova oficina de turismo de Ribadeo e un punto de información o peregrino, todo xunto na Casa Maseda. Neste caso tamén vamos ter o financiamento da Xunta de Galicia. Nestes momentos vamos encargar o proxecto e a partires de aí vamos ver a cifra e así solicitar esa xuda á Xunta de Galicia, que xa se comprometeu con esa colaboración”.

O alcalde de Ribadeo declarou: “Son preto de nove millóns de euros a xestión que se fixo no día de onte. Creo que esta é a liña que hai que seguir, a colaboración coas distintas administracións, neste caso a Xunta de Galicia, co seu máximo responsable. Quero agradecer a disposición do presidente de colaborar con Ribadeo e todo o que falamos no día de onte é unha cantidade importantísima, 9 millóns de euros para que Ribadeo siga avanzando”.

 

0.16766691207886