A Xunta declara a emerxencia cinexética para controlar a poboación de xabaril

RibeiraSacraXa | TerraChaXa | LugoXa | SarriaXa | AMariñaXa
Na provincia de Lugo a emerxencia será declarada nos Ancares, Chantada, Lugo, A Mariña Central, A Mariña Occidental, Sarria, Terra Chá, Terras de Lemos e A Mariña Oriental.
xabarin jabali
14 Sep 2023

Na provincia de Lugo a emerxencia será declarada nos Ancares, Chantada, Lugo, A Mariña Central, A Mariña Occidental, Sarria, Terra Chá, Terras de Lemos e A Mariña Oriental.

A Xunta declarará este venres a emerxencia cinexética temporal pola presenza e os danos ocasionados polo xabaril nun total de 37 comarcas galegas. Así o anunciou a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, que explicou que esta será a terceira vez que se recorre a este instrumento, provisional e extraordinario, co fin de axilizar a aplicación de medidas dirixidas ao control das poboacións desta especie naquelas zonas con maior incidencia, a través de distintas modalidades e procedementos de captura.

Tal e como subliñou a directora xeral, as circunstancias que se están a producir con relación ao xabaril facían necesario articular unha declaración excepcional deste tipo na procura de eliminar o risco e reducir o tamaño das poboacións da especie mediante a adopción de medidas que axuden a previr no posible futuros danos.

Trátase, en todo caso, dun instrumento adicional e complementario á caza regrada dentro dos terreos de réxime cinexético especial e común e tamén ás actuacións de control por danos, que seguirán a desenvolverse, indicou, nos termos fixados na resolución anual pola que se regula a caza en Galicia e nos protocolos de actuación establecidos ao efecto.

En concreto, durante a vixencia da declaración nestas comarcas permitirase abater ou capturar, sen límite de exemplares, xabarís de ambos sexos, prioritariamente femias adultas e subadultas de calquera idade.

Así mesmo, nas zonas en situación de emerxencia cinexética temporal será posible abater crías e femias seguidas de crías sempre e cando haxa unha autorización especial previa por parte da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, de acordo co establecido na Lei de caza de Galicia.

Ademais, habilítanse nestas zonas unha serie de ferramentas cinexéticas que contribúan ao control das poboacións do xabaril, como a ampliación dos períodos nos que se pode exercer a actividade cinexética, en xornadas que non estean aprobadas no correspondente plan anual de aproveitamento da tempada 2023-2024 dos tecores, ou a autorización para o uso de medios auxiliares —como visores ópticos, detectores electrónicos de paso ou presenza de animais e cebadoiros de gran ou froitos colocados nos cultivos danados— que favorezan a eficacia e o óptimo aproveitamento cinexético, faciliten a identificación dos exemplares e garantan a seguridade das persoas.

De igual xeito, nas comarcas con declaración de emerxencia poderase autorizar aos propietarios afectados a realizar agardas ou esperas en terreos de réxime cinexético especial —persoalmente ou mediante terceiros— con autorización do titular do aproveitamento, así como outra serie de medidas que complemente a actividade cinexética regrada e o control dos danos da especie establecidos na resolución anual.

As declaracións de emerxencia cinexética temporal nas áreas sinaladas inclúen os tecores e zonas libres onde se poderán desenvolver estas medidas extraordinarias e excepcionais. En total, a declaración abrangue 37 comarcas (12 na Coruña, 9 en Lugo, 11 en Ourense e 5 en Pontevedra) que comprenden 248 concellos (75 deles coruñeses, 54 lucenses, 87 ourensáns e 32 pontevedreses) e un 80,7% da superficie total de Galicia. Na provincia de Lugo a emerxencia será declarada nos Ancares, Chantada, Lugo, A Mariña Central, A Mariña Occidental, Sarria, Terra Chá, Terras de Lemos e A Mariña Oriental.

A vixencia destas resolucións estenderase desde este sábado, 16 de setembro —data de entrada en vigor das 4 resolucións— ata o 25 de febreiro do vindeiro ano, abranguendo así o período hábil de caza do xabaril na tempada 2023-2024. Con todo, poderá quedar suspendida antes no seu conxunto ou en parte do ámbito de aplicación, sempre previa resolución, de constatarse que desapareceron as causas que motivaron a declaración.

Primeira experiencia en 2019

A emerxencia cinexética temporal é unha medida prevista no regulamento de caza de Galicia para cando nunha comarca exista unha determinada especie cinexética en circunstancias tales que resulte especialmente perigosa para as persoas ou prexudicial para a agricultura, a gandería ou a seguridade viaria. En 2019 a Xunta recorreu por primeira vez a esta medida en 33 concellos de 4 áreas xeográficas de Galicia. Tras esta experiencia pioneira, no ano 2021 volveuse declarar a emerxencia cinexética temporal en 29 comarcas como medida adicional para minorar o impacto da especie nas mesmas.

As novas resolucións, que se publicarán no Diario Oficial de Galicia este venres, responden a unha análise pormenorizada e obxectiva das circunstancias actuais en cada comarca derivadas dos avisos por danos á agricultura polo xabaril, dos accidentes de tráfico, da superficie afectada e do censo gandeiro porcino e en base ás cales se decidiu declarar a emerxencia cinexética temporal nun total de 37 comarcas galegas.

Cómpre sinalar, tamén, que das tres ocasións en que a Xunta recorreu a esta medida, é a primeira vez que se fai extensible a un número tan grande de concellos, 248, que representan o 80% dos de toda Galicia.

Neste sentido, Belén do Campo explicou que, se ben tras a declaración da emerxencia cinexética de 2021 detectouse un descenso do número de avisos polo xabaril, na tempada 2022-2023 recibíronse no teléfono 012 máis de 4.000 chamadas relacionadas con danos causados por estes animais, é dicir, case 900 máis que na tempada anterior.

Á falta dun censo oficial da especie a nivel estatal, a directora engadiu que este incremento dos avisos, unido aos datos de capturas obtidos a partir da información facilitada polos propios Tecores —uns 19.000 exemplares na tempada 2022-2023— levaron á Xunta a considerar necesario volver a recorrer a esta medida temporal e extraordinaria para reforzar o control da poboación de xabarís naquelas zonas de Galicia onde se está a constatar que ten unha maior incidencia.

Por último, do Campo incidiu na importancia de combinar medidas como a declaración da emerxencia cinexética e outras reformas normativas e de procedemento adoptadas nos últimos anos, coas liñas de axudas que ofrece a Xunta cada ano para previr e paliar os danos do xabaril, un esforzo que cifrou desde 2016 “en preto de 10 millóns de euros”.

0.15924501419067