A Xunta de Goberno da Deputación deu luz verde á rehabilitación de sete estradas en Foz
A Xunta de Goberno da Deputación aprobou a licitación dun proxecto para a mellora de sete estradas no municipio de Foz, cunha achega total de 392.218,9 euros. As actuacións previstas inclúen a LU-P-6303, que conecta Campón e Cordido por Güín, onde se traballará no tramo comprendido entre os puntos quilométricos 2,630 e 4,741 coa reapertura de cunetas, pavimentación con aglomerado e sinalización. Na LU-P-2001, que une a estrada autonómica LU-152 coa Nacional 642, mellorarase un treito de 6 quilómetros mediante as mesmas intervencións. Tamén se actuará na LU-P-2013, que vai do colexio de Nois á Praia de Arealonga, reparando puntualmente o pavimento e reforzando a sinalización para mellorar a seguridade na zona escolar.
A LU-P-2009, que conecta o Peirao de Foz co Bispo Santo por Marzán, verá mellorada a pavimentación e sinalización nos seus 3 primeiros quilómetros. Na LU-P-2006, que une A Cruz coa Praia de Llas, realizaranse melloras no treito entre os puntos quilométricos 0,949 e 2,405, centrándose na pavimentación e sinalización. A LU-P-2011, que conecta Marzán coa Praia de Llas, será obxecto de intervención nos seus 700 primeiros metros, tamén coa renovación da pavimentación e sinalización. Por último, na LU-P-3101, que vai de Areas á LU-152 por Oirán, mellorarase a drenaxe no tramo que vai do punto quilométrico 8,717 ao 13,024.
O prazo de execución destes traballos, unha vez iniciados, será de tres meses. Segundo destacou o Deputado, “trátase dunha actuación importantísima para Foz, porque afecta a 7 das 17 estradas provinciais que vertebran o municipio, moitas delas fundamentais para conectar o interior do concello coa zona das praias”.