A Xunta construirá unha nova rotonda na contorna da capela da Misericordia en Viveiro

A Xunta de Galicia impulsará a reordenación do tráfico na contorna da capela da Nosa Señora da Misericordia, en Viveiro, coa construción dunha nova rotonda que substituírá a intersección rotatoria actual por unha glorieta circular máis segura e eficiente. Así o confirmou esta mañá o delegado territorial de Lugo, Javier Arias, durante unha visita á zona.
Segundo anunciou Arias, a previsión do Goberno galego é contar co proxecto de trazado antes de que remate o ano, para proceder á súa supervisión e posterior exposición pública. A intervención busca ordenar o fluxo de vehículos entre as estradas autonómicas LU-862, LU-539 e LU-540, nun punto cunha elevada densidade de tráfico, especialmente de entrada e saída ao centro urbano e en dirección Lugo.
A futura glorieta localizarase no encontro entre as estradas LU-862 e LU-539, aproveitando os terreos liberados trala desaparición dun edificio que ata o de agora condicionaba a configuración do cruce. A intersección actual, de trazo elíptico, será substituída por unha solución circular máis funcional e segura.
A Axencia Galega de Infraestruturas está redactando o proxecto, que incluirá non só a nova glorieta, senón tamén os entronques coas vías afectadas, as melloras na mobilidade peonil, a integración urbanística da actuación e a reposición de servizos afectados.
O delegado territorial salientou que se trata dun punto estratéxico polo volume de tráfico que rexistra, tanto en dirección ao núcleo urbano de Viveiro como cara a Lugo pola LU-540. Neste sentido, lembrou que “a Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas tamén está executando obras de mellora da seguridade e da capacidade desta estrada en 15,5 quilómetros entre Viveiro e Ourol, ás que destina 8,2 millóns de euros”.
Con esta actuación, a Xunta busca reforzar a seguridade viaria nun dos principais accesos a Viveiro, mellorando a fluidez da circulación e reducindo os riscos nun punto de elevada conxestión.