A Xunta avanza no dragado do porto de Foz cun investimento dun millón de euros

A conselleira do Mar, Marta Villaverde, mantivo en Foz unha xuntanza con representantes da Asociación A Ribeira, na que se abordaron as principais necesidades da náutica de recreo no municipio. No encontro, a titular autonómica confirmou que Portos de Galicia xa ten encargado o proxecto de dragaxe do porto, unha actuación longamente reclamada polos usuarios e que foi posible logo da aprobación da Declaración de Impacto Ambiental no pasado mes de agosto.
Segundo explicou Villaverde, os traballos contarán cun período de execución de catro anos, cunha primeira fase inicial e posteriores intervencións de mantemento do calado, cun investimento global dun millón de euros. A conselleira subliñou que esta actuación é fundamental para poder contemplar nun futuro a remodelación e ampliación do peirao deportivo Porto Chico.
A responsable autonómica destacou tamén que a Xunta seguirá apostando polo turismo náutico como motor económico para as comunidades costeiras. Recordou que o pasado ano A Mariña consolidouse como destino náutico, con máis de mil embarcacións en tránsito polos seus portos e un volume de negocio que superou os 800.000 euros.
Ademais, Villaverde mantivo unha reunión coa confraría de Foz para analizar a situación do sector pesqueiro e coñecer de primeira man as demandas dos profesionais do mar. Nese sentido, reiterou o compromiso do Goberno galego de apoiar a actividade extractiva mediante novas liñas de axuda e proxectos destinados a reforzar unha actividade considerada estratéxica para Galicia.