A Xunta asina as escrituras de 7 inmobles en Mondoñedo do programa Rexurbe

AMariñaXa
A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda asina as escrituras de 7 dos 13 inmobles no marco do programa Rexurbe de Mondoñedo.
vista aerea mondonedo
27 Mar 2021

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda avanza hoxe un novo paso no desenvolvemento do programa Rexurbe no concello de Mondoñedo, coa sinatura das escrituras de 7 dos 13 inmobles que se adquiren no marco da oferta pública de adquisición realizada en 2020.

O Instituto Galego da Vivenda e Solo inviste preto de 622.000 euros na adquisición dun total de 13 inmobles, que serán rehabilitados, destinando as vivendas resultantes a alugueiro social. Así, hoxe asináronse as escrituras de 7 inmobles, mentres que a sinatura dos edificios restantes (6) rubricaranse o vindeiro 7 de abril.

Unha vez adquiridos os inmobles, licitarase a redacción dos 13 proxectos de rehabilitación, traballos nos que a Xunta prevé investir máis de 5 millóns de euros.

Os 13 inmobles que se rehabilitarán no conxunto histórico de Mondoñedo están emprazados en Guevara 7 e 9, Álvaro Cunqueiro 12, 34, 41, 53 e 57, Progreso 10 e 20, Imprenta 2, Leiras Pulpeiro 11, Peña de Francia 4 e Febreiro 30.

No marco do programa Rexurbe, a Administración autonómica adquire e rehabilita inmobles en conxuntos históricos, como é o caso deste concello, e tamén de Ferrol, Betanzos, Lugo, Ourense, Ribadavia ou Tui, entre outros exemplos.

En canto a Mondoñedo, xa está rematada a obra de rehabilitación do primeiro dos inmobles adquiridos no barrio dos Muíños e estase rematando a redacción do proxecto de rehabilitación do inmoble contiguo, tamén adquirido pola Xunta.

Área Rexurbe

Ademais das actuacións directas do Instituto Galego da Vivenda e Solo a través do programa Rexurbe, Mondoñedo conta coa primeira Área Rexurbe declarada en Galicia, á que seguiron as da Coruña e Ribadavia.

A Área Rexurbe implica actuacións non só de rehabilitación de vivendas e espazos urbanos, senón tamén a dinamización económica e social do ámbito da área, que no caso de Mondoñedo comprende o conxunto histórico da vila, o barrio dos Muíños e zonas próximas á área dos Remedios.

Así mesmo, este concello da provincia de Lugo tamén se pode beneficiar dos incentivos do programa de cascos históricos. Ata o 1 de setembro está aberto o prazo para a presentación de solicitudes de axuda para a adquisición de vivendas no conxunto histórico de Mondoñedo e nos barrios dos Muíños e San Lázaro, con axudas que poden acadar os 15.000 euros por vivenda. Estas axudas están destinadas á adquisición de vivendas xa existentes, tanto se son vivendas novas como usadas.

0.18740797042847