A Xunta apoia a Faba de Lourenzá con axudas de ata 2.000 euros por hectárea

AMariñaXa
Tamén habilitará financiamento para garantir liquidez aos produtores afectados polo temporal
Medio-rural-Faba-Ribadeo-2025-IXP-reunion
15 Mar 2025

A Consellería do Medio Rural activará axudas directas, de carácter excepcional, para os produtores inscritos na Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Faba de Lourenzá. O obxectivo desta medida é poñer en valor a calidade diferenciada deste produto, que representa un símbolo de identidade para a comarca, segundo destacou a conselleira María José Gómez.

Estas axudas, suxeitas a mínimis, canalizaranse a través dun convenio coa IXP para garantir que os fondos cheguen aos produtores. Ademais de apoiar aos actuais fabeiros, tamén buscan incentivar a incorporación de novos produtores ao selo de calidade. O importe estimado é duns 2.000 euros por hectárea.

A conselleira anunciou esta iniciativa nun encontro celebrado en Ribadeo con alcaldes e representantes municipais da zona, entre eles o rexedor local, Daniel Vega. Tamén participou o director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte.

Financiamento para a sementeira

Xunto a estas axudas, María José Gómez anunciou a apertura dun novo instrumento financeiro a partir de abril para facilitar liquidez aos agricultores e gandeiros galegos, con especial atención aos produtores da Faba de Lourenzá. Esta medida busca paliar os efectos do temporal Kirk e das intensas choivas posteriores, que dificultaron os cultivos.

A Xunta cubrirá os intereses e os gastos de formalización e avais, permitindo que os beneficiarios só teñan que devolver o importe do crédito, sen custos adicionais. A iniciativa tamén dará apoio aos agricultores que traballan co millo forraxeiro.

Máis medidas para fortalecer o sector

A Xunta está a pechar un calendario de xornadas formativas no centro Pedro Murias, co obxectivo de mellorar as prácticas agronómicas dos produtores. A intención é converter este centro nun referente na investigación e formación sobre a Faba de Lourenzá, con ensaios en parcelas reais para analizar enfermidades e optimizar os marcos de plantación.

Outras medidas inclúen a modificación do prego de condicións da IXP para mellorar a comercialización, a busca de saídas para a faba manchada e o reforzo das campañas de promoción.

A conselleira tamén fixo fincapé na importancia dos seguros agrarios, considerados clave para a profesionalización do sector. Recordou que a Xunta destina este ano 9,5 millóns de euros a financiar pólizas, cubrindo arredor do 10% do valor da produción asegurada.

María José Gómez reafirmou así o compromiso do Goberno galego co sector da Faba de Lourenzá, mediante axudas directas, financiamento e accións para a formación e a innovación.

⚙ Configurar cookies
0.034257888793945