A Xunta agradece ao Ministerio de pesca que se ofreceza a mediar sobre as axudas ás confrarías

AMariñaXa
A Xunta agradece a disposición do Goberno central para sumarse ás xestións do Executivo galego ante a Comisión Europea en relación á normativa que obriga a inadmitir as axudas ás confrarías de pescadores.
3 Mar 2019

A Xunta agradece a disposición do Goberno central para sumarse ás xestións do Executivo galego ante a Comisión Europea en relación á normativa que obriga a inadmitir as axudas ás confrarías de pescadores. O Goberno autonómico agradece que o Executivo central propoña mediar agora, unha vez que a Xunta xa vén realizando ante a DG MARE, desde hai meses, xestións para solucionar esta cuestión para as cinco confrarías ás que se lles tivo que inadmitir a axuda e para dotar de seguridade xurídica a todas as confrarías e operadores do sector pesqueiro de Galicia.
O Executivo autonómico aplaude o anuncio do Estado, malia que se teña producido toda vez que a Xunta xa abriu camiño en Bruxelas para poder resolver esta situación e despois de que a propia Secretaría Xeral de Pesca do Estado emitise en xullo de 2018 un informe que relaciona a comercialización de especies de talle antirregulamentario coa pesca ilegal non declarada e non regulamentada e que liga este feito coa inadmisión das axudas. Este documento emitido polo Goberno central tipifica como infracción grave a comercialización dalgún exemplar de talle antirregulamentario, un feito residual difícil de evitar nas lonxas das confrarías que traballan con grandes volumes de marisco.
Ante esta situación, e pensando en todo momento no benestar do sector, o Goberno galego agradecería que nesa mediación que ofrece o Estado coa Xunta se contribúa a defender un cambio en dúas cuestións fundamentais relacionadas coa Secretaría Xeral de Pesca para impedir que a aplicación da normativa ocasione prexuízos ao sector. Unha destas cuestións é a de cambiar o informe da Secretaría Xeral de Pesca do Estado sinalado anteriormente. A outra cuestión é a de modificar a Lei de Pesca Marítima do Estado, que tipifica como infracción grave a tenza, transporte, tránsito ou almacenamento, exposición e venda de produtos pesqueiros de talle ou peso inferior ao regulamentario.  
En canto ás xestións realizadas desde a Xunta, o Executivo autonómico destaca que explicou ao sector a situación e as súas xestións para tratar de suavizar os efectos da normativa europea, buscar unha saída a esta casuística e evitar que as confrarías sufran unha dobre sanción. De feito, o Goberno galego animou ao sector a recorrer as denegacións de axudas para dar tempo a buscar unha solución negociada con Bruxelas.
A Xunta lembra que os proxectos de recuperación da biodiversidade nas confrarías se financian con cargo ao Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP), que é o que marca os  criterios e requisitos e que o Goberno central é a autoridade de xestión do FEMP.  

0.17840981483459