A Xunta admite a queixa da Asociación A Ribeira de Foz pola falta de calado no porto

A Asociación A Ribeira de Foz recibiu nos últimos días a notificación da Xunta de Galicia na que se admite a súa queixa pola falta de calado na canle de acceso ao porto da vila. Esta situación leva tempo dificultando a entrada e saída das embarcacións en condicións óptimas de operatividade, xerando preocupación entre o sector marítimo local.
Segundo se recolle na comunicación oficial, o Goberno autonómico solicitará un informe á Secretaría Xeral Técnica da Consellería do Mar, organismo competente na materia, para analizar a situación. A Xunta comprométese tamén a trasladar á asociación o contido dese informe unha vez emitido.
Esta resposta chega despois de que a Valedora do Pobo arquivase unha queixa previa presentada pola entidade focega, alegando que para poder actuar era necesario comprobar antes unha posible irregularidade administrativa ou a existencia de medidas que limitasen inxustificadamente o exercicio de dereitos.
Desde A Ribeira de Foz amosan a súa satisfacción polo avance do proceso, aínda que insisten na urxencia de acometer solucións para garantir a seguridade e o correcto funcionamento do porto.